A Xunta completa traballos preventivos nuns 50 quilómetros de pistas e nunhas 10 hectáreas de cortalumes do distrito forestal VIII Terra de Lemos

Os traballos leváronse a cabo en parroquias dos concellos de Monforte de Lemos, Bóveda, A Pobra do Brollón e Sober para seguir mellorando as infraestruturas de prevención fronte o lume

Ao longo deste ano continuaranse realizando este tipo de tarefas en distintas parroquias dos concellos que forman parte deste distrito, favorecendo así a anticipación aos incendios forestais e facilitar o traballo do servizo

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, vén de completar unha serie de actuacións para a prevención de incendios forestais no Distrito Forestal VIII Terra de Lemos, na provincia de Lugo, concretamente nos concellos de Monforte de Lemos, Bóveda, A Pobra do Brollón e Sober.

Os traballos levados a cabo consistiron en labores de repaso e adecuación de pistas ao longo duns 50 quilómetros, abranguendo unha superficie de 25,6 hectáreas. A isto sumáronse outros traballos preventivos en cortalumes, cunha superficie repasada dunhas 10 hectáreas. Para realizar estas tarefas, empregouse unha bulldozer.

Este tipo de traballos teñen como obxectivo potenciar a defensa do territorio contra os incendios forestais, por iso, ao longo de 2024 continuaranse realizando en distintas parroquias dos concellos que forman parte do Distrito Forestal VIII Terra de Lemos, favorecendo así a anticipación aos incendios forestais e facilitar o traballo do servizo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2024