Fabiola García reivindica que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cunha rede pública de centros de día de alzhéimer

O Goberno galego renovou o convenio anual con esta entidade, dotado con 90.000 euros, que permite a posta en marcha de programas de atención e campañas de sensibilización co Alzheimer

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2024 

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na inauguración das XXII xornadas interdisciplinarias organizadas pola Federación Alzheimer Galicia (Fagal) en Santiago. Durante a súa intervención lembrou que o Goberno galego está facendo unha importante aposta pola atención a esta doenza, apoiándose sempre na profesionalidade e especialización das entidades sociais.

Neste sentido, apuntou que Galicia é a única comunidade que conta cunha rede pública de centros de día específicos para a atención ao Alzheimer, que desde o ano 2009 duplicaron as súas prazas ata as 500. Así mesmo, o pasado ano o Goberno galego impulsou o concerto social para blindar a atención de 5000 prazas públicas en distintos ámbitos e ao que destina máis de 100 millóns de euros ao ano.

A Xunta de Galicia acaba de renovar tamén o convenio de colaboración anual con Fagal, dotado de 90.000 euros, para impulsar programas especializados de atención ás persoas dos seus centros e unha campaña de visibilización e sensibilización con esta doenza. Fabiola García destacou que o Goberno galego continuará a traballar para atender as necesidades das persoas con Alzheimer, das súas familias e de todos os profesionais que traballan neste ámbito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/04/2024