O presidente da Xunta visita a nova planta ampliada da lavandería de Ilunion en Santiago

Rueda destaca a importancia dos proxectos da economía social para acadar a inclusión a través de empregos de calidade

Pon ao Centro Especial de Emprego do Grupo Social ONCE como exemplo do seu compromiso na consecución dunha sociedade “máis xusta, igualitaria e inclusiva” e tamén coa creación de emprego estable e de calidade 

Salienta a aposta do Executivo autonómico polo terceiro sector con acordos históricos como o acadado co tecido social para blindar máis de 5.000 prazas públicas de atención á discapacidade

Pon de manifesto o apoio á economía social a través da posta en marcha da 2ª Estratexia galega de economía social horizonte 2027

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia dos proxectos da economía social como ferramentas para acadar a inclusión a través da creación de empregos de calidade. “Que esteades establecidos aquí, crecendo, con tanta presencia en Galicia, iso fala de que se están facendo as cousas ben”.

Así se referiu durante unha visita ás instalacións ampliadas da lavandería que a entidade Ilunion, do Grupo Social Once, ten no polígono santiagués do Tambre, un proceso que fará posible a creación de 30 novos postos de traballado destinados a persoas con discapacidade. Tal e como referiu, trátase dunha proba máis do compromiso desta Fundación coa consecución dunha sociedade “máis xusta, igualitaria e inclusiva” e tamén coa creación de emprego estable e de calidade, antepoñendo os beneficios sociais e colectivos á rendibilidade financeira.

Neste sentido, agradeceu o traballo da entidade tras máis de 30 anos nesta cidade sendo un referente no sector hoteleiro, hospitalario, sociosanitario e industrial e tamén no eido da inclusión, xa que preto do 90% do persoal desta planta ten algún tipo de discapacidade. Especialmente, agradeceulles o seu papel fundamental durante a pandemia, xa que estiveron sempre funcionando: “todo o que xiraba ao redor da actividade sanitaria era imprescindible precisamente para que o más importante non deixara nunca de funcionar”.

Esta lavandería é un dos Centros Especiais de Emprego que conta co apoio da Xunta, ao recibir no último ano máis de medio millón de euros en axudas, entre outras, para promover a integración laboral das persoas con discapacidade –con achegas para os custos salariais da lavandería, por exemplo–. En total, o Goberno galego destina este 2024 preto de 26 M€ a este tipo de centros en Galicia.

O Goberno galego tamén deixa claro o seu apoio á economía social a través da posta en marcha da 2ª Estratexia galega de economía social horizonte 2027: Economía social para unha Galicia sustentable, que conta con 170 M€ co obxectivo de xerar 4.000 novos empregos e 400 novas entidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/04/2024