O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na X Gala da Asociación de comerciantes, industriais, servizos e autónomos de Ribadeo

A Xunta referenda a súa aposta pola innovación no comercio e pola remuda dos negocios

José González comprometeu apoiar a dixitalización do sector retallista e a fidelización da clientela dos negocios de proximidade

Puxo en valor iniciativas como o Bono Activa Comercio que, desde o pasado venres, poden solicitar os particulares

O Goberno galego seguirá a impulsar o emprego autónomo e o emprendemento e ten en marcha un programa de remuda cun cento de negocios adheridos para a busca de persoas interesadas en darlles continuidade

Ribadeo (Lugo), 28 de abril de 2024

José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tomou parte este domingo na X Gala da Asociación de comerciantes, industriais, servizos e autónomos de Ribadeo (Acisa), que celebrou a súa entrega anual de galardóns coincidindo co 35 aniversario da entidade.

O representante autonómico destacou o compromiso da Xunta coa innovación de dixitalización do sector retallista e para avanzar na fidelización da súa clientela con medidas como a 5ª edición do Bono Activa Comercio que desde o pasado venres poden descargarse os particulares. Xa son unha trintena os establecementos adheridos en Ribadeo a este programa.

A través do Bono, a Administración autonómica quere impulsar o comercio local e atraer novos clientes cara ao mesmo. A Xunta destina 2,5 millóns de euros ao Bono este ano, co obxectivo de contribuír a xerar doce millóns en vendas para os establecementos participantes. Os galegos poden descargar xa o bono e acceder aos 30 euros de descontos que ofrece a través da súa aplicación móbil.

González informou de que o seu departamento xa traballa no deseño dun plan estratéxico para o comercio, no que está a implicar a todas as entidades. Tamén está avanzado o Mapa do Comercio de Galicia, un espazo que reunirá o sector, con información detallada dos establecementos e a súa xeolocalización.

A Xunta de Galicia está a poñer no centro das súas políticas de emprego aos traballadores autónomos. Exemplo desta aposta é a posta en marcha desde este ano da cota cero para todas as persoas que se estreen neste réxime desde o pasado 30 de setembro. Ata o momento recibíronse unhas 5.000 solicitudes para acceder á financiación da cota íntegra durante o primeiro ano.

O titular de Emprego destacou tamén a consolidación da Rede de polos de emprendemento que, con 1.600 proxectos empresariais asesorados, está a facilitar a vida aos galegos e galegas que precisan de impulso e acompañamento para os seus proxectos.

Plan de remuda

Baixo o paraugas dos Polos de emprendemento, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a desenvolver un programa para garantir a remuda nos negocios. Un cento de establecementos están adheridos a esta iniciativa coa que se están a poñer en contacto persoas que deixan a actividade coas interesadas en retomala.

Este programa pronto se completará cunha orde de axudas que ten por obxecto financiar parte dos gastos aboados polos novos propietarios en concepto de traspaso, coa finalidade de garantir a supervivencia empresarial e a viabilidade dos negocios.  

O conselleiro agradeceu por último o compromiso de Acisa coas súas asociadas e asociados, por tecer lazos empresariais e contribuír ao intercambio de experiencias de emprendemento, unha labor para a que conta cos apoios da Xunta de Galicia que desde 2020 destinou a esta entidade case 220.000 euros para dinamizar este centro comercial aberto e para a promoción da economía circular.

Data de actualización: 28/04/2024