A Xunta e a Unidade Militar de Emerxencias reforzan a súa colaboración e coordinación na loita contra os incendios forestais

Un pelotón de intervención da UME procedente de León estivo nos últimos días en Galicia para intercambiar coñecementos e experiencias con persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Goberno galego

Os membros das Forzas Armadas participaron en diferentes prácticas e exercicios conxuntos, entre eles na realización de “lume técnico” para unha queima prescrita

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

Un pelotón de intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME) de León integrado por 25 profesionais realizou nos últimos días unha visita a Galicia para intercambiar coñecementos e experiencias con persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) da Xunta.

A estancia da UME -que tivo como cuartel xeral o Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén, en Ourense- foi coordinada pola Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, e permitiu que os profesionais das Forzas Armadas puideran coñecer polo miúdo as instalacións, protocolos e medios do SPIF galego. Ademais, participaron nunha queima prescrita, realizando o que se denomina como “lume técnico” xunto cos seus compañeiros do SPIF, entre outras prácticas e exercicios en común.

O dispositivo da UME estivo tamén conformado, ademais de polos propios militares, por diferentes vehículos que son empregados por eles nas súas tarefas de loita contra os incendios, como unha nodriza, camións de carga xeral e vehículos lixeiros e de transmisións.

Este tipo de xornadas conxuntas entre persoal da UME e do SPIF constitúen unha fórmula ideal para mellorar na coordinación do operativo contra incendios, así como nos protocolos, fórmulas, técnicas e tácticas de traballo en condicións o máis próximas posibles ás reais, co fin último de optimizar o seu labor de extinción de lumes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2024