A Xunta realiza actuacións de conservación e mantemento no río Corzán, ao seu paso por Negreira

As tarefas programadas céntranse nun treito de 1,1 km e inclúen a roza puntual e selectiva de arbustos e a retirada de árbores e biomasa na canle para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento no río Corzán, nas zonas interurbanas, ao seu paso polo concello coruñés de Negreira. As tarefas programadas desenvolveranse nun treito de aproximadamente 1,1 quilómetros que transcorre entre as parroquias de Aro, Liñaio e Arzón, pertencentes ao lugar de Vilar de Ordoeste.

Os traballos consisten na retirada de árbores e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos así como en labores de roza selectiva de arbustos co fin de reducir a súa competencia coas especies arbóreas propias do bosque de ribeira.

As actuacións, que xa foron comunicadas ao Concello de Negreira e que se prolongarán durante aproximadamente 10 días, realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, motoserras e rozadoras, co apoio de tractores e un minidumper.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo de conca autonómico, este tramo do río Corzán quedará completamente despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Cómpre subliñar que Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.

O obxectivo é avanzar e mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2024