Rueda destaca que a Xunta impulsará a aplicación efectiva da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral tras recibir o aval do Constitucional

Salienta que o Consello aprobou “o calendario e pasos a seguir” para aplicar de forma inmediata a normativa que permite a Galicia “xestionar o seu litoral”

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático resalta que unha das primeiras medidas será reclamar ao Goberno central o traspaso efectivo das funcións e dos medios materiais e persoais necesarios para xestionar a franxa costeira

Ademais, a Xunta vai impulsar a creación de órganos específicos como a Comisión interdepartamental de coordinación entre os organismos autonómicos implicados ou o Foro do litoral como canle de participación

Tamén se desenvolverán actuacións estratéxicas vencelladas a usos que poñen en valor e xeran riqueza e cohesión na franxa costeira, entre os cales cómpre destacar a creación dunha rede de sendas e outra de establecementos turísticos do litoral

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe “o calendario e pasos a seguir” para o desenvolvemento da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. O obxectivo é impulsar de inmediato a aplicación práctica e efectiva desta normativa unha vez que o Pleno do Tribunal Constitucional (TC) avalou por unanimidade a súa validez e contido nunha sentenza aprobada o pasado 23 de abril. “Levamos meses parados de forma inxusta e agora imos poñer en marcha o necesario para que Galicia xestione o seu litoral”, indicou.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, lembrou que esta lei foi aprobada en xullo de 2023 polo Parlamento galego sen ningún voto en contra. “Fomos a primeira comunidade autónoma en regular por lei todo o seu litoral”, incidiu. Sen embargo, o Executivo central decidiu recorrer a norma galega apenas tres meses despois, renunciando a abrir calquera vía de diálogo coa Xunta.

Tras o fallo do Constitucional, o Executivo autonómico vai traballar con “axilidade” para aplicar canto antes a lei do litoral galega e acabar coa inseguridade xurídica xerada pola súa paralización durante os últimos meses. Nesa liña, deseñou unha estratexia co calendario de actuacións que cómpre seguir para lograr o pleno desenvolvemento da norma e que inclúe, concretamente, a creación de órganos específicos xa previstos no propio texto, como a Comisión interdepartamental de coordinación de ordenación do litoral ou o Foro do litoral.

No primeiro caso, cómpre lembrar que esta comisión será a encargada de supervisar a elaboración, posta en marcha e seguimento dos instrumentos de ordenación nos que se apoia a lei para garantir o cumprimento do seu principal obxectivo: xestionar de forma integral e en clave galega as actividades humanas no litoral para garantir o aproveitamento sustentable dos seus recursos e a conservación dos ecosistemas costeiros.

Neste sentido, a Comisión —cuxo decreto regulador xa se está tramitando— servirá de ponte entre os diferentes departamentos implicados no desenvolvemento das políticas e medidas previstas na Lei do litoral, a prol de simplificar e axilizar a tramitación dos procedementos relacionados coa súa execución.

Constituirase tamén o Foro do Litoral de Galicia, concibido como un órgano de participación entre os distintos sectores implicados na costa, e crearanse redes ou asociacións que permitan transferir e canalizar coñecementos entre organismos científicos, sectores produtivos, sociedade civil e administracións públicas.

En canto aos instrumentos de planificación do litoral de nova creación previstos na lei galega —un total de oito—, cómpre indicar que a Xunta xa ten avanzada a tramitación da Estratexia de economía azul, que pretende servir de apoio ao crecemento sustentable dos sectores produtivos vinculados ao mar e ao aproveitamento potencial dos mares e océanos como motores da economía, e comezará a elaboración das directrices de ordenación do litoral, o instrumento marco da planificación do litoral, xa que ofrecerá unha visión global da ordenación que servirá de referencia e marcará as pautas básicas para o desenvolvemento dos demais instrumentos previstos.

De igual xeito, pero a máis longo prazo, tamén deseñará o Plan de ordenación mariña, que se centrará na planificación dos espazos mariños e que se complementará co Plan de ordenación costeira para os espazos terrestres e marítimo-terrestres. A maiores dos instrumentos novos xa mencionados, outra das accións previstas pola Xunta a curto prazo será acometer a revisión do Plan de ordenación do litoral (POL), co fin de adaptalo ao novo marco normativo autonómico.

Concesións no DPMT

Por outra banda, a aplicación da Lei do litoral permitirá outorgar concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT) de Galicia. Para tal fin, regularase un procedemento integrado para a concesión destes títulos, crearase un rexistro de autorizacións e concesións e, sobre todo, reclamarase ao Estado o traspaso efectivo á Xunta das funcións e dos medios materiais e persoais necesarios para xestionar a franxa litoral.

De feito, este procedemento, tal e como explicou a conselleira, iniciarase de forma inmediata ante o Executivo central e será unha das primeiras cuestións sobre as que traballará a nova Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo.

Así mesmo, e tendo en conta que a lei identifica os usos considerados estratéxicos para a costa galega porque a poñen en valor ou contribúen a xerar riqueza, emprego e cohesión social nestas zonas, a planificación da Xunta prevé o desenvolvemento dunha serie de actuacións tamén estratéxicas para o litoral.

En concreto, crearase unha rede de sendeiros costeiros e impulsarase outra de establecementos turísticos nesta mesma franxa, ao tempo que se aprobará un catálogo de bens de valor cultural do litoral e se promoverá a regularización de bens transferidos incluídos no DPMT co obxectivo común de enxalzar o patrimonio costeiro de Galicia.

Pioneira en regular a costa en toda a súa extensión

Coa aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, Galicia converteuse na primeira comunidade española en regular por lei a franxa costeira en toda a súa extensión, é dicir, tanto mar dentro como terra dentro.

Partindo da consideración da costa desde unha tripla perspectiva (social, ambiental e económica), a norma establece unha nova zonificación desta franxa, con tres grandes áreas diferenciadas en función do seu estado de conservación e necesidades particulares, ao tempo que concreta os usos permitidos e prohibidos no litoral.

A normativa tamén delimita as actuacións e os usos estratéxicos que permitirán o seu asentamento e a ocupación da costa, e con ela dáse un paso adiante decisivo para que Galicia poida asumir, por fin, as competencias plenas e efectivas que lle atribúe o Estatuto de autonomía sobre a xestión do dominio público marítimo-terrestre (DPMT), un proceso iniciado hai case 40 anos.

De feito, a Xunta solicitará ao Goberno central o traspaso a Galicia dos medios materiais e persoais necesarios para xestionar a súa costa, paso clave para completar este procedemento.

Neste sentido, a recente sentenza do Constitucional sobre a Lei do litoral galega supón un aval á xestión por parte da Comunidade dos seus máis de 2.500 quilómetros de costa, dando seguridade xurídica ao complexo mar-industria no que traballan arredor de 40.000 persoas e que xera unha actividade económica de 9.000 millóns de euros anuais, preto do 5% do PIB de Galicia. Por iso, e tras o paro imposto polo recurso do Goberno central, a Xunta quere traballar desde xa na aplicación e no desenvolvemento da norma, apurando os prazos ao máximo.

 

 

 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2024