A Xunta achégalle ao sector cultural as claves das novas bases das axudas para a proxección exterior da música e as artes escénicas galegas

As subvencións para actividades de distribución alcanzan os 600.000 euros e introducen unha serie de axustes consensuados cos principais colectivos sectoriais

Máis de 80 profesionais conectáronse ao webinario organizado por Industrias Culturais para afondar nas novidades desta convocatoria, que aumenta a súa dotación nun 30 % en resposta á crecente internacionalización da cultura galega

O prazo de solicitude ábrese ás 9,00 h. do vindeiro 2 de maio

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

Máis de 80 profesionais da música e as artes escénicas galegas conectáronse este mediodía ao webinario organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais para ofrecerlles as claves das novas bases das subvencións ás actividades de distribución para este sector, para as que o prazo de solicitude se abrirá o vindeiro xoves día 2 ás 9,00 h. Unha das principais novidades deste ano refírese ao incremento en máis dun 30 % na súa dotación, que sube de 460.000 a 600.000 euros en resposta á crecente internacionalización das compañías, grupos e artistas de Galicia.

 

Atendendo ao seu réxime de concorrencia non competitiva, que implica a súa concesión por orde de entrada ata o esgotamento do crédito ou a fin do prazo, esta convocatoria contempla por vez primeira un prazo de 10 días desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, o pasado 22 de abril, ata a apertura do prazo de solicitude. O obxectivo é facilitarlles ás empresas e profesionais un período previo para a correcta preparación das súas solicitudes, no marco do que se insire tamén este webinario informativo.

 

Interviñeron nel Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; María Antón, xerente; Teresa de Arcos, coordinadora do departamento de Fomento, así como persoal técnico da entidade. Durante esta sesión en liña, detalláronse as modificacións das bases, consensuadas en diálogo cos principais colectivos sectoriais, e resolvéronse as dúbidas trasladadas polos asistentes.

 

Ata 15.000 euros por entidade

Entre os cambios introducidos este ano, especificáronse, por exemplo, os relativos á contía máxima por entidade subvencionada, que se sitúa en 15.000 euros, así como ao mínimo de funcións ou concertos das xiras propostas ou á posibilidade de incluír un 25 % dos gastos xerais vinculados á actividade como parte do orzamento subvencionable.

 

Os 600.000 euros convocados distribúense a partes iguais entre as dúas modalidades de música e de artes escénicas, a través das que a Xunta asume parte dos custos das xiras e actuacións galegas por escenarios, feiras e festivais fóra da nosa Comunidade, así como da asistencia a mercados sectoriais que se celebren no resto de España ou no estranxeiro. No caso da categoría de artes escénicas, apóiase tamén a distribución artística dentro de Galicia, exceptuando a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

 

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca anualmente estas subvencións co fin de impulsar a distribución e a comercialización exterior dos produtos culturais galegos, ao tempo que se facilita o acceso dos sectores da música e as artes escénicas galegas ao mercado internacional. Así, o ano pasado cofinanciáronse a través delas os gastos asumidos por máis de 65 empresas culturais no desenvolvemento das súas actuacións, en xiras por Galicia, España e o estranxeiro, así como a súa presenza en feiras no exterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2024