Emigración celebra o Día das Letras Galegas cun contacontos dedicado a Luísa Villalta

A maiores, a Secretaría Xeral tamén subirá de xeito gratuíto a súa web o libro ilustrado na que se narra a vida da homenaxeada nesta data

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

A Secretaría Xeral da Emigración celebrará o próximo venres 17 o Día das Letras Galegas con varias actividades dedicadas á cultura e lingua galega e á figura de Luísa Villalta, escritora á que se dedica esta celebración en 2024.

Os actos comezarán pola mañá cunha felicitación do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, dedicada aos galegos do exterior aos que agradecerá a súa implicación na promoción e difusión da cultura e a lingua galega nos diversos países nos que residen, e animará a seguir utilizando o galego entre a colectividade exterior.

Posteriormente, pola tarde, a partir das 20 horas (hora de España), os interesados e interesadas en coñecer a historia e a vida da escritora coruñesa á que se dedica o Día das Letras Galegas poderán desfrutar dun contacontos sobre a súa figura que se poderá ver a través da páxina web e das diferentes plataformas dixitais da Secretaría Xeral (GaliciaAberta) da man de Polo Correo do Vento.

Finalmente, terá lugar tamén a publicación dunha banda deseñada titulada Tinta do mar  destinada aos máis pequenos para que poidan coñecer a vida e obra da poeta, narradora e dramaturga galega á que se homenaxea nesta ocasión, e que se poderá ver e ler, de xeito gratuíto, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/05/2024