A Xunta remata as obras de reforzo dun noiro na estrada AC-550 no Lugar de Abuín, en Porto do Son

Actuouse entre a vía autonómica e o seu entronque co camiño municipal desta parroquia de San Pedro de Baroña e supuxo un investimento de 43.000 euros

Interveuse na marxe esquerda da vía, ao norte de Abuín, onde conecta co acceso a varios predios de Lamas, Loncras e Toxodelo

Executouse un muro de contención da estrutura do noiro afectado polas choivas, o que permite xa o uso do camiño por parte dos propietarios das parcelas da zona en condicións de seguridade

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

A Xunta vén de rematar as obras de reforzo do noiro entre a estrada AC-550 e o camiño municipal do lugar de Abuín,  no concello de Porto do Son.

Remataron así os traballos na marxe esquerda desta vía, na parroquia de San Pedro de Baroña, ao norte do núcleo rural de Abuín, onde entronca o camiño de acceso a varias parcelas situadas en Lamas, Loncras e Toxodelo.

As obras, que supuxeron un investimento autonómico de preto de 43.000 euros, centráronse na execución dun muro de contención da estrutura existente no noiro afectado polas choivas, que desaconsellaba  o uso do camiño polos propietarios das parcelas desa zona polo risco de escorregas.

Construíuse un muro de contención de xeometría irregular duns 30 metros de lonxitude e 5 metros de altura máxima, sen considerar a zapata.

O novo muro arranca a continuación do xa existente, cunha cota lixeiramente inferior, de xeito que garanta a estabilidade do desnivel e xere un maior ancho do camiño que mellore as súas condicións de seguridade.

Esta actuación é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello do Porto do Son, tras asinarse un convenio para impulsar estas obras de especial interese para os veciños da contorna.

Mediante este acordo, a Xunta financia integramente a intervención e executa os traballos que se acaba de rematar, mentres o Concello de Porto do Son puxo á disposición os terreos necesarios e asumirá a explotación, mantemento e conservación das obras realizadas.

O Goberno galego continúa traballando na mellora das estradas autonómicas co fin de reforzar a seguridade viaria e proporcionarlles aos cidadáns unhas vías eficientes e cómodas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2024