A Xunta asina un convenio con Cogami para a atención personalizada de persoas con enfermidades crónicas

 Rueda destaca que o obxectivo é dar unha atención específica e “mellorar a calidade de vida” de pacientes con discapacidade orgánica, é dicir, con limitacións na súa vida diaria a causa de patoloxías do ril, esclerose múltiple, transplantes medulares, párkinson, linfedema ou Crohn

Ofreceranse terapias físicas individualizadas no domicilio, información sobre as patoloxías e recursos públicos, actuacións de carácter psicolóxico ou recuperación logopédica

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou a sinatura dun convenio entre a Consellería de Sanidade e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) para ofrecer “unha atención personalizada a case un millar de pacientes cunha discapacidade orgánica derivada da patoloxía crónica que padecen”. 

En concreto, serán 164.000 euros para ofrecer unha atención integral a 958 persoas con discapacidade orgánica, é dicir, pacientes con patoloxías do ril, esclerose múltiple, parkinson, linfedema ou fibrose cística, entre outras, “que teñen certas limitacións no seu día a día a causa da enfermidade” coma “dor, fatiga crónica, problemas para tragar ou pérdida de mobilidade”, segundo salientou Rueda.

A través dunha colaboración innovadora como complemento á asistencia do Servizo Galego de Saúde, 19 asociacións integradas en Cogami contribuirán a unha atención integral e particularizada de pacientes de enfermidades crónicas nas sete áreas sanitarias. Polo tanto, o conxunto de accións previstas están orientadas a prestar os tratamentos e as técnicas máis axeitados para cada patoloxía e persoa en función do seu grao de afectación e evolución da enfermidade. Ademais, tal e como resaltou Rueda as intervencións efectuaranse no contorno das persoas asistidas “tanto nas instalacións das asociacións coma en domicilios ou nas empresas”. 

Coas persoas beneficiarias xa identificadas, as entidades desenvolverán actividades de información sobre as patoloxías e posibles tratamentos, o que contribúe á tranquilidade dos pacientes ante dúbidas sobre o cambio da vida diaria despois do diagnóstico, ademais de facilitar información sobre recursos públicos e privados dispoñibles. 

Tal e como explicou o presidente tamén se van realizar “terapias físicas individualizadas (como fisioterapia respiratoria a domicilio para persoas con fibrose cística)”; apoio ocupacional en persoas con patoloxías con afectación física e cognitiva ou recuperación logopédica (ofrecida cando se ve afectada a fala, deglutición, comunicación, audición e outras funcións orais, “e desenvolvida tanto nas sedes das asociacións como no propio hospital”). Estas entidades prestarán igualmente apoio emocional de carácter psicolóxico especializado (en casos que cursan afectación psicoemocional, condutual ou que implican a distorsión de procesos mentais, como acompañamento a pacientes en diálise ou a centros hospitalarios de referencia noutra provincia ou fóra de Galicia en caso de enfermidades de baixa prevalencia), e outros servizos dirixidos á recuperación integral das persoas con discapacidade, “como nutrición para persoas con patoloxía renal” (en coordinación personalizada cos profesionais sanitarios do Sergas que seguen os pacientes), preparación física en caso de esclerose e fibromialxia ou, entre outras, piscina terapéutica para pacientes con artrite.

Desta forma, a Xunta atende as necesidades de persoas con enfermidade crónica que deriva nunha discapacidade, na liña da Estratexia galega de saúde 2030, co obxectivo de previr o seu empeoramento, mellorar a súa calidade de vida e evitar situacións de dependencia. 

As entidades colaboradoras prestan servizos a pacientes con hemofilia e outras coagulopatías conxénitas (AGADHEMO), esclerose múltiple (ACEM A Coruña, ACEM Santiago, Aodemper, Avempo e Alucem), patoloxías reumáticas (Conartrite Santiago e Asearpo), párkinson (Parkinson Galicia), patoloxías do ril (ALCER Coruña, ALCER Lugo, ALCER Ourense e ALCER Pontevedra), Crohn e colite ulcerosa (ACCU), fibromialxia e fatiga crónica (Affou), fibrose cística (AGFQ), enfermidades neuromusculares (ASEM Galicia), linfedema, lipedema e outras patoloxías vasculares (AGL), e persoas afectadas por transplantes medulares (Asotrame).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2024