O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visita esta tarde en Ourense dous establecementos adheridos ao programa

A Xunta destaca o éxito da V edición do Bono Activa Comercio con preto de 300.000 descargados por particulares nos catro primeiros días

José González visita esta tarde dous comercios da rúa Xoán XXIII de Ourense que participan nesta campaña e ofrecen os descontos financiados polo Goberno galego

Destacou esta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, dotada con 2,5 millóns de euros para mobilizar 12 millóns en vendas

Un total de 6.583 negocios adheríronse a esta iniciativa nas catro provincias

Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance o orzamento da convocatoria

Ourense, 29 de abril de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visita hoxe en Ourense -acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo- dous dos máis de 6.500 establecementos (preto dun milleiro -un de cada seis- na provincia de Ourense) adheridos este ano á V edición da campaña Bono Activa Comercio, unha das grandes apostas coas que a Xunta de Galicia está a incidir na fidelización e na apertura a novos clientes no tecido comercial. En apenas catro días, preto de 300.000 particulares descargaron o seu bono e están comezando a beneficiarse dos descontos de ata 30 euros nas súas compras, indicou o conselleiro.

O éxito da iniciativa vén avalado xa pola ampla descarga de bonos desde o pasado venres e polo interese suscitado entre o tecido comercial. Así o sinalou o conselleiro na visita, na que tamén estiveron presentes o presidente do Centro Comercial Aberto Ourense Centro, Luis Rivera, e a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez.

A Xunta está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 12 millóns de euros en vendas nos establecementos de proximidade galegos, co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.

Os negocios que desexen participar nesta iniciativa levan adheríndose desde o pasado 16 de abril, e teñen de prazo para seguilo facendo ata o 1 de setembro. Mentres, as persoas consumidoras poden descargar desde xa na web www.bonosactivacomercio.gal bonos desconto de ata 30 euros para as compras que realicen nos comercios vencellados.

Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Na última edición superáronse os 6.700 negocios participantes. En total, nas catro edicións anteriores acadáronse os obxectivos, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 65,7 millóns de euros.

Dinamizar economías locais

O conselleiro destacou a relevancia do comercio na xeración de  emprego e na dinamización das economías locais, como parte fundamental no crecemento económico e social de Galicia. Indicou que estas actividades non se poden desligar do emprendemento, unha das grandes apostas do Goberno galego.

Avanzou que nesta Lexislatura abordaranse aspectos como a innovación do sector retallista e a súa dixitalización. Apostarase pola fidelización da clientela e por axudar ao sector para ofrecer cada vez un produto máis diferenciado, un aspecto clave para garantir a súa viabilidade, trasladou o titular de Emprego.

A Administración autonómica está a deseñar, da man do sector, por outra banda, o futuro plan estratéxico para o comercio, coa implicación das principais entidades.

Os galegos disporán tamén dun Mapa do Comercio de Galicia, no que xa se está traballando: un espazo que contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada co fin para potenciais clientes.

Plan de remuda

O Goberno galego está a impulsar tamén un Plan de remuda para garantir a continuidade dos negocios. Un cento de empresas xa amosaron o seu interese, poñendo en contacto as persoas que os queren deixar coas interesadas en retomalos.

En datas próximas, anunciou o conselleiro, o Diario Oficial de Galicia publicará unha liña de axudas específicas dirixidas a apoiar ás persoas que se fagan cargo de negocios viables en risco de peche por falta de relevo xeracional (Bono Remuda).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2024