O presidente da Xunta asiste á toma de posesión de Juan Carlos Reboredo Nogueira como secretario xeral deste organismo

Rueda destaca o papel da nova Oficina de Coordinación Económica para a posta en marcha de proxectos estratéxicos en Galicia

Resalta a “experiencia” no eido económico de Reboredo para poñerse ao fronte dun organismo que “avaliará” iniciativas industriais, pero tamén fará “propostas para orientar accións de Goberno”

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda,  resaltou hoxe o importante papel da nova Oficina de Coordinación Económica, dependente da Presidencia, á hora de promover a posta en marcha de iniciativas empresariais estratéxicas para a comunidade. 

“Creo que estamos maduros para crear este novo órgano porque isto significa que temos proxectos importantes enriba da mesa que necesitan ser coordinados”, indicou durante a toma de posesión de Juan Carlos Reboredo Nogueira como secretario xeral deste organismo. Rueda resaltou que é un profesional coa “experiencia” precisa no sector para poñerse ao fronte desta Oficina. Unha entidade desde a que se “avaliarán e coordinarán” diferentes proxectos industriais, pero tamén “se realizarán propostas para orientar as accións de Goberno cara certas metas ou obxectivos”, indicou Rueda.

Licenciado en Economía pola Universidade de Santiago, Reboredo é catedrático de Análise Económico nesta institución académica. Gran parte da súa carreira profesional estivo centrada na investigación sobre mercados financeiros e enerxéticos; a análise de riscos financeiros e o impacto do cambio climático nos mercados. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2024