O Sergas convoca 158 prazas de persoal sanitario de formación profesional mediante concurso-oposición

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria do proceso selectivo

Ofértanse prazas na categoría de técnico superior nas especialidades de anatomía patolóxica e citoloxía, dietética, documentación sanitaria, e laboratorio de diagnóstico clínico

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 158 prazas por concurso-oposición para o ingreso no Servizo Galego de Saúde en catro categorías de persoal sanitario de formación profesional.

En concreto, ofértanse 121 prazas de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico (das que 54 son de acceso libre, 6 de discapacidade xeral e 61 de promoción interna), 16 prazas de técnico superior en dietética (7 de acceso libre, 1 de discapacidade xeral e 8 de promoción interna), 13 prazas de técnico superior en documentación sanitaria (5 de acceso libre, 1 de discapacidade xeral e 7 de promoción interna) e 8 prazas de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía (4 de acceso libre e 4 de promoción interna).

O proceso desenvolverase mediante tres exercicios na fase de oposición e na baremación dos méritos correspondentes na fase de concurso. Entre a experiencia que se valorará, o Sergas outórgalle unha puntuación adicional a ter prestado servizos en centros sanitarios considerados illados (nos hospitais comarcais ou en determinados centros sanitarios de atención primaria) e ter prestado servizos durante a situación de emerxencia sanitaria orixinado pola covid.

As persoas aspirantes dispoñen dun mes contado desde o día seguinte á publicación no DOG desta convocatoria para presentar as súas solicitudes de participación.

No caso de persoas con discapacidade, poderán solicitar a necesaria adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios. Ademais, as vítimas de violencia de xénero ou violencia sexual poden solicitar a protección e seudonimización dos seus datos identificativos.

Data de actualización: 30/04/2024