A Xunta forma un cento de persoas na prevención da exposición ao radon en centros de traballo

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, clausurou o curso organizado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para actualizar o marco normativo na materia e mellorar a xestión dos riscos nas empresas

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, clausurou hoxe no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago de Compostela o curso O radon no ámbito laboral, no que tomaron parte un cento de inscritos, principalmente persoal técnico relacionado coa prevención de riscos laborais.  

A medida, incardinada no Plan de actuacións 2024 do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), permitiu someter a repaso as novidades normativas nesta materia, para prestar asesoramento a empresas e Administración en relación cos riscos da exposición a radiacións ionizantes. 

O secretario xeral puxo en valor o esforzo do Goberno autonómico para reforzar os coñecementos técnicos para xestionar a exposición ao radon nos lugares de traballo e avanzar na súa redución. Lembrou que Galicia, polas súas características xeolóxicas, é un territorio especialmente afectado por este gas, un contaminante natural que afecta á poboación en xeral e tamén no eido laboral. 

O curso de hoxe contou coa presenza da xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, e de reputados especialistas como Marta García-Talavera, experta en radiación natural do Consello de Seguridade Nuclear -único órgano competente en España en materia de radiacións ionizantes-, así  como polos profesores do Laboratorio de Radon de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, Alberto Ruano Raviña e Juan Barros Dios, líderes a nivel mundial nos estudos e investigacións sobre este gas. 

Con esta actividade, o Issga, como órgano técnico  en materia de seguridade e saúde laboral de Galicia presta apoio, promoción, sensibilización e asesoramento técnico a todos os actores implicados na prevención dos riscos no eido laboral. Este órgano colabora ademais coa Inspección de Traballo e Seguridade Social e participará na execución do Plan nacional contra o radon mediante a estratexia deseñada ad hoc pola Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade.

Data de actualización: 03/05/2024