Rueda traslada o apoio da Xunta ás empresas galegas pesqueiras asentadas na Arxentina
Puerto Deseado (A Arxentina), 3 de maio de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, continuou hoxe a súa viaxe institucional á Arxentina visitando máis empresas pesqueiras de capital galego asentadas no país. Nesta ocasión, desprazouse a Puerto Deseado, na Patagonia, para coñecer de primeira man as plantas de Vieira Argentina, Argenova e Pesquera Puerto Deseado.
Nas visitas, nas que estivo acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, comprometeulles o apoio da Xunta e agradeceu o traballo destas empresas, así como o impacto positivo que xeran ao seu redor.
Reunión co gobernador da provincia de Santa Cruz
Tamén estiveron acompañados polo gobernador da provincia de Santa Cruz, Claudio Vidal, co que o presidente mantivo unha reunión co obxectivo de seguir apoiando o asentamento e integración de empresas galegas na zona, que son esenciais para fortalecer os vínculos entre territorios.
O titular do Executivo galego completa así unha rolda de visitas por empresas galegas que comezou onte en Puerto Madryn nas instalacións de Conarpesa, Iberconsa e Estrella Patagónica. Mañá, sábado, desprazarase a Bos Aires para manter varias reunións institucionais e económicas co fin de continuar reforzando os lazos co país.