A Xunta abre o prazo de inscrición para asistir ao XIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos ‘Metrópoles: Santiago e Roma. 900 anos de historia’

Organizado por Turismo de Galicia, celebrarase os días 26 ao 29 de xuño no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela

Contará coa presencia de destacados expertos internacionais, afondará na conversión de Compostela como metrópole de peregrinación e cultura

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2024

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de inscrición para asistir ao XIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos que terá lugar desde o 26 ata o 29 do vindeiro mes de xuño no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela.

 

Baixo o título de Metrópoles: Santiago e Roma. 900 anos de historia, e organizado por Turismo de Galicia a través do Xacobeo, a presente edición do Congreso terá o foco nas relacións entre ambas cidades, estudando, ademais do impacto na peregrinación xacobea, cuestións como a lexitimación dos votos, a Reconquista e as ordes militares, a posición da cidade compostelá durante o Gran Cisma do Occidente e a influencia española e santiaguesa durante o século XVI en Roma.

 

Tamén se analizará a concepción da palabra metrópole e todos os aspectos que esta abrangue, dado que baixo esta denominación, Santiago de Compostela moldeouse como unha metrópole tanto da peregrinación como da cultura.

 

O Congreso estará coordinado por Klaus Hebers, catedrático de Historia Medieval e Ciencias Auxiliares na Universität Erlangen-Nürnberg, de Alemaña, e membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, e nel participarán una gran número de especialistas internacionais de diferentes disciplinas coa finalidade de obter unha visión de conxunto dunha cuestión que implica un abano temporal superior aos mil anos.

 

A iniciativa, organizada coa colaboración de ABANCA Obra Social e promovida polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, manterá o prazo de inscricións en vigor ata o vindeiro 21 de xuño, polo que as persoas que desexen inscribirse poderán facelo enviando o formulario dispoñible na web do Camiño de Santiago ao enderezo cultura.xacobeo@xunta.gal.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/05/2024