Xosé Merelles salienta a aposta da Xunta para intensificar a calidade e sustentabilidade turística cun investimento de máis de 500.000 durante este ano

O director de Turismo de Galicia participa na IV Gala de Calidade Turística do Condado Paradanta GDR Condado Paradanta que se celebra en Salvaterra de Miño

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 13 de maio de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na IV Gala de Calidade Turística do Condado Paradanta GDR onde salientou a “forte aposta” que este ano fai a Xunta de Galicia para reforzar a calidade e sustentabilidade turística cun investimento de máis de 500.000 euros durante este ano ao abeiro da nova folla de ruta en marcha.

Como explicou durante o acto, o novo Plan de Calidade e Sustentabilidade Turística da Xunta para este 2024 busca consolidar a posición de liderado da Comunidade galega en materia de certificación de calidade e sostibilidade turística, e, de xeito especial, intensificalo nas contornas do Camiño de Santiago. O obxectivo global será acadar este ano 140 novas marcas Q de Calidade e S de Sostibilidade turística tanto en empresas como en servizos públicos. 

Recordou que o Plan de Acción de 2024 inclúe tamén que a Xunta de Galicia dea continuidade ao seu traballo para promover que un maior número de destinos se adhiran ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED). Turismo de Galicia seguirá apoiando economicamente os Destinos SICTED, a través dos xeodestinos así como dos diferentes Plans de Sostibilidade Turística en Destino que se están desenvolvendo no marco dos fondos europeos Next Generation. 

No eido da calidade turística no sector privado, continuarase prestando apoio e asesoramento ás empresas para que estean en condicións de superar a auditoría externa para a consecución da Q de Calidade Turística e a S de Sostibilidade e Turismo de Galicia incrementará este ano un 23% a contía das axudas anuais, en réxime de concorrencia competitiva, para apoiar a establecementos e servizos turísticos de xestión pública ou privada nos procesos de certificación, 

Durante o acto, Xosé Merelles felicitou ao xeodestino Condado Paradanta, que conta desde hoxe con catro novos distintivos SICTED de compromiso de calidade turística que se suman aos 49 existentes e que contribuirán á posta en valor dos dez concellos que forman este territorio:  A Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024