A Xunta destina 3,5 M€ a 190 beneficiarios para previr os danos por incendios ou desastres naturais en montes veciñais e sociedades de fomento forestal

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria destas achegas da Consellería do Medio Rural

Estas axudas contan con dúas liñas de actuación, unha para o control selectivo do combustible e outra para a construción de puntos de auga

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas destinadas aos titulares de montes veciñais de man común, as súas agrupacións e as sociedades de fomento forestal (Sofor) para a posta en marcha de actuacións preventivas dos danos que poidan causar aos bosques os incendios, desastres naturais e catástrofes, que conta con 190 beneficiarios e 3,5 millóns de euros de investimento.

A Consellería do Medio Rural convocou no pasado ano estas axudas para contribuír a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes.

As achegas contan con dúas liñas de actuación. A primeira é para o control selectivo de combustible e para ela destínanse case 3 millóns, que poderán levar a cabo tarefas de roza mecanizada con rozadoira de cadeas ou similar, para o clareo sistemático de rexenerado forestal con tratamento de restos, ou para roza de penetración, rareo de entrefaixa e trituración de restos nas faixas. Nesta liña de apoio resultaron beneficiarios 170 persoas.

Nesta liña, as axudas complétanse con actuacións dirixidas ás devasas para a mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina e para as  faixas de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura.

A segunda liña desta convocatoria de axudas destínase á construción de puntos de auga. Neste caso, o investimento é de algo máis de 500.000 euros e poderanse crear unha vintena de puntos de auga.

Superficies de máis de 100 hectáreas

Os beneficiarios son as persoas titulares dos montes veciñais de man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as sociedades de fomento forestal que contan con superficies de máis de 100 hectáreas. Ademais, as actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios.

Enlace á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240506/AnuncioG0426-260424-0001_gl.html.

 

Data de actualización: 06/05/2024