A Xunta reforzará a protección fronte ao pneumococo de 15.000 bebés nados en 2022 coa vacina 20-valente

A Consellería de Sanidade decide incrementar a inmunización das nenas e nenos de 2 anos xa vacinados no seu momento coa 13-valente, aplicándolles agora a 20-valente, que inclúe novos serotipos e achega unha protección 4 veces maior

Este mes de maio iniciarase a vacinación nos centros de saúde para aumentar a protección destes menores e, de forma indirecta, do resto da poboación

Galicia inviste en 2024 preto de 40 M€ para ofrecer o calendario de vacinación máis completo do mundo

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

A Xunta iniciará este mes de maio a recaptación de 14.850 nenas e nenos nacidos en 2022 para seren protexidos fronte á enfermidade pneumocócica invasora (onde se inclúe a meninxite) coa vacina 20-valente que recentemente foi autorizada para menores de idade e incluída pola Consellería de Sanidade no calendario galego de vacinación.

Así se desprende do informe da abordaxe da prevención das meninxites bacterianas inmunoprevibles en Galicia que foi abordado hoxe polo Consello da Xunta.

Deste xeito, bebés nados en 2022 aos que se puxo no seu momento a vacina 13-valente fronte ao pneumococo, recibirán agora unha dose da inmunización 20-valente que inclúe serotipos adicionais.

O obxectivo da abordaxe da Dirección Xeral de Saúde Pública é aumentar a protección directa de nenas e nenos fronte á enfermidade polos serotipos adicionais incluídos nesta nova vacina e, de forma indirecta, para a poboación non vacinada, dado que os bebés son altos transmisores.

A importancia da protección desta franxa de idade está avalada polo seguimento epidemiolóxico en materia de saúde pública que constata que, no período 2019 a 2023, o maior número de casos de enfermidade pneumocócica invasora, en poboación pediátrica, se produciu en menores dun ano e, a continuación, dos de 1 e 2 anos de idade. Concretamente no ano 2023 a incidencia no grupo de menores de 2 anos foi de 3,4 casos por 100.000 habitantes.

Esta campaña especial, que finalizará o 31 de decembro, desenvolverase nos puntos de vacinación habituais. O valor aproximado destas vacinas ascende a 673.000 euros, polo que a achega da Consellería de Sanidade nas vacinas que protexen fronte á meninxite supera os once millóns de euros. Con todo, o investimento completo da Xunta no Programa Galego de Vacinación supón preto dos 40 millóns de euros e mantén a Galicia co calendario de inmunización universal e gratuíto máis completo do mundo.

Cobertura pioneira fronte ao meningococco e pneumococo

Galicia situouse á vangarda á hora de introducir no calendario de inmunización ao longo de toda a vida todas as novidades terapéuticas fronte ao pneumococo e ao meningococco.

Na actualidade, adminístrase a vacina antipneumocócica 20-valente a grupos de risco, a todas as persoas cando chegan aos 65 anos e, desde o 15 de abril, a Xunta substituíu a 13-valente por esta vacina con maior cobertura tamén no caso de menores de idade.

Estímase que a vacina 20-valente pode chegar a proporcionar unha protección catro veces maior que a 13-valente, tendo en conta os serotipos que circulan na nosa comunidade. Segundo os datos de vixilancia epidemiolóxica da Consellería de Sanidade, o 60% dos casos de enfermidade pneumocócica invasiva, incluídas as formas máis graves como a sepse e a meninxite, son debidos a serotipos que están presentes na nova vacina.

Data de actualización: 06/05/2024