A Xunta pon en valor ás familias acolledoras especializadas polo seu importante labor social

Nigrán (Pontevedra), 7 de maio de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá nun novo encontro do grupo de traballo estatal sobre Acollemento Familiar Especializado, que tivo lugar na Residencia de Tempo Libre de Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán. Durante o evento, puxo en valor a este tipo de familias polo seu importante labor social.

O director xeral lembrou que Galicia foi unha das primeiras comunidades en poñer en marcha esta fórmula na que polo menos un dos membros da familia de acollida dispón de cualificación, formación ou experiencia específica para realizar este labor. Algo especialmente relevante no caso de nenos ou adolescentes con necesidades especiais ou problemas de conduta.

Jacobo Rey agradeceu o compromiso destas familias, que nos últimos anos viron incrementadas as axudas e compensacións polos gastos de manutención que a Xunta pon á súa disposición para desenvolver esta tarefa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2024