A Xunta reafirma o seu compromiso co comercio de Vigo, cidade que mobilizou máis capital durante a 5ª campaña Bono Activa Comercio con case 1,2 M€

O director xeral de Comercio e Consumo, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, reuniuse coas asociacións de comerciantes da cidade, onde destacou que o conxunto da provincia de Pontevedra mobilizou máis de 4,5 millóns en vendas

Gabriel Alén asegurou que en outono haberá unha nova edición da campaña Bono Activa Comercio, tras a quinta durante a que se descargaron máis de 109.000 bonos desconto na provincia pontevedresa, situándose á cabeza de Galicia

Dos 6.850 negocios adheridos, preto de 2.500 sumáronse na provincia de Pontevedra e -deles- máis de medio milleiro eran vigueses

Vigo, 7 de maio de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo esta mañá un encontro cos presidentes das distintas asociacións de comerciantes da cidade olívica e da Federación de Comercio de Pontevedra. Na xuntanza, celebrou os máis de 4,5 millóns de euros en vendas que mobilizou o sector da provincia no marco da 5ª campaña Bono Activa Comercio, case 1,2 millóns deles correspondentes a Vigo, o que a sitúa á cabeza das cidades galegas. Ao tempo, asegurou que haberá unha nova edición do programa o vindeiro outono co obxectivo de seguir incentivando a demanda e atraer nova clientela.

Na reunión que tivo lugar na sede da Delegación territorial da Xunta de Galicia en Vigo, o director xeral afirmou que dos 6.850 negocios adheridos á quinta edición da campaña preto de 2.500 eran da provincia de Pontevedra e, deles, máis de medio milleiro de Vigo, sendo a cidade con máis comercios implicados.

Liderado tamén no caso dos bonos desconto descargados, tendo acumulado a provincia pontevedresa máis de 109.000 dos case 300.000 rexistrados a nivel galego, dos que Vigo aglutinou máis de 27.500.

Gabriel Alén amosou o seu compromiso con esta campaña que -no conxunto da Comunidade- vén de mobilizar 12 millóns de euros grazas aos descontos financiados polo Goberno galego de ata 30 euros en compras. Cabe engadir que nas catro edicións anteriores xa se lograran mobilizar no sector máis de 65,7 millóns de euros.

Ao respecto doutras medidas, o director xeral de Comercio e Consumo destacou na reunión a relevancia do comercio na xeración de emprego e na dinamización das economías locais, como parte fundamental no crecemento económico e social de Galicia. Nesa dirección, en datas próximas activarase -entre outras- unha nova edición da orde de axudas a centros comerciais abertos, que estará dotada con 2,2 millóns de euros. Nesta lexislatura incidirase especialmente -dixo- en aspectos como a innovación do sector retallista e na súa dixitalización.

Segundo sinalou, a Administración autonómica está a deseñar, da man do sector, o futuro plan estratéxico para o comercio, coa implicación das principais entidades. Tamén se está a elaborar un Mapa do Comercio de Galicia, que contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada para potenciais clientes.

Máis visitas en Vigo

Cómpre engadir que na xornada de hoxe o director xeral de Comercio e Consumo, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, acompaña tamén á asociación de comerciantes e hostaleiros Zona Náutico nunha das accións que organizan co apoio da Xunta para fomentar o comercio na zona, neste caso, repartindo folletos e mapas coa localización dos seus comercios entre os viaxeiros dos cruceiros atracados na cidade.

Posteriormente, visitou no casco histórico varios comercios adheridos á última campaña Bono Activa Comercio, para coñecer de primeira man o resultado da iniciativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2024