O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co xerente, Ángel Facio, asistiu ao acto de homenaxe aos xubilados en 2023 da área sanitaria de Ferrol

A Xunta impulsará un Plan de Recursos Humanos que permita responder axeitadamente ás necesidades presentes e futuras do Sistema Público de Saúde

O conselleiro apunta como outro dos retos da sanidade pública acadar unha maior eficiencia e coordinación entre a atención primaria e hospitalaria

Subliña o investimento de máis de 130 M€ que a Xunta destinará a ampliar e modernizar as instalacións do Complexo Hospitalario de Ferrol, cunha primeira fase en plena execución

O titular da carteira sanitaria trasladoulle aos xubilados o agradecemento do Goberno galego polo seu labor ao servizo do gran patrimonio colectivo que constitúe a sanidade pública

Ferrol, 7 de maio de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que a Xunta vai impulsar un plan de recursos humanos completo co obxectivo de programar e responder axeitadamente ás necesidades presentes e futuras do sistema público de saúde. Este, dixo, é un dos “principais desafíos que asumimos nesta nova etapa que está a iniciar a Consellería de Sanidade”.

Gómez Caamaño participou este mediodía no acto de homenaxe aos xubilados da área sanitaria de Ferrol ao longo do pasado ano, no que estivo acompañado polo xerente da área, Ángel Facio Villanueva; polo director de Recursos Humanos da área, Francisco Martínez Otero; e pola representante da Xunta de Persoal, Elena Rey Díaz.

Na súa intervención, o responsable da Consellería de Sanidade tamén subliñou como outro dos retos do seu departamento acadar “unha maior eficiencia e coordinación, especialmente entre a atención primaria e a hospitalaria, para, deste xeito, mellorar tamén a atención aos pacientes”.

O conselleiro remarcou, ademais, que traballar no eido sanitario leva aparellado un engadido de dedicación e de implicación persoal, imprescindible para o exercicio deste servizo público e, a tal efecto, trasladoulles aos xubilados “o agradecemento do Goberno galego por cada día de traballo que pasaron preservando e mellorando o gran patrimonio colectivo que constitúe a nosa sanidade pública”. Un patrimonio que ten o seu piar fundamental, dixo, “no capital humano formado polos 43.000 profesionais que consagran o seu día a día á nobre tarefa de coidar a saúde da cidadanía galega”.

O mellor xeito de honrar o legado das 66 persoas que se xubilaron ao longo do pasado ano nesta área sanitaria é “continuar a traballar duro para mellorar as condicións nas que o conxunto de profesionais da sanidade pública exercen o seu labor”, incidiu Gómez Caamaño.

O conselleiro rematou a súa intervención referíndose á gran transformación na que está inmersa o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, coa ampliación e modernización das súas instalacións ás que a Xunta destinará un investimento global de máis de 130 M€ e cuxa primeira fase está en plena execución.

Por parte do persoal xubilado interveu no acto Juan Luis Aguirre Sánchez, médico de urxencias hospitalarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2024