A Xunta activa desde mañá servizos de autobús entre Vigo e o aeroporto de Santiago para atender os viaxeiros afectados polo peche temporal da terminal de Peinador

A Xunta activou esta solución de urxencia ante a falta de alternativas para os viaxeiros por parte do Goberno central que promove a obra na pista de Peinador

Haberá seis servizos ao día con saída desde Vigo ás 04,30, 07,35 e 10,45 horas e do aeroporto cara a Vigo ás 08,45, 12,40 e 18,45 horas

O servizo das 04,30 horas, que permitirá coller os voos da primeira hora da mañá, prestarase nunha nova liña entre Vigo e o aeroporto Rosalía de Castro

Os outros cinco servizos adaptan o itinerario de liñas xa existentes entre A Coruña  e Ferrol con Vigo

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024

A Xunta activa desde mañá mércores, 8 de maio, servizos de autobús entre Vigo e o aeroporto de Santiago para atender os viaxeiros afectados polo peche temporal do aeroporto de Peinador ante a falta de alternativas para os viaxeiros por parte do Goberno central, que promove a obra na pista.

Entre a estación intermodal de Vigo e a terminal compostelá funcionarán seis servizos ao día, cunha duración aproximada dunha hora e media, e terán saída desde Vigo ás 04,30, 07,35 e 10,45 horas e do aeroporto cara a Vigo ás 08,45, 12,40 e 18,45 horas.

O servizo con saída de Vigo ás 04,30 horas, permitirá aos usuarios coller os voos da primeira hora da mañá, prestarase nunha nova liña que se crea especificamente e que realizará unha parada intermedia en Pontevedra. Os outros cinco servizos adaptan o itinerario de servizos de autobús xa existentes de liñas da Coruña e Ferrol con Vigo, engadindo un desvío ao aeroporto de Santiago. A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Coa posta en marcha destes servizos, a Xunta ofrece unha solución urxente á necesidade de facilitar os traslados ao aeroporto de Santiago dos viaxeiros afectados polas obras na pista de aterraxe na terminal viguesa, pese a tratarse dunha competencia da empresa pública estatal Aena.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lamenta que, malia que se prevé que o peche do aeroporto dure cando menos o mes de maio, o Executivo central non ofrecese unha alternativa para a conexión dos viaxeiros coa cidade de Vigo na xuntanza que mantivo a semana pasada o alcalde de Vigo, Abel Caballero, co ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente.

Data de actualización: 07/05/2024