O conselleiro do Mar mantivo un novo encontro cos representantes das federacións de confrarías

Villares aborda coas federacións de confrarías o deseño de novas medidas de avance no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo

A segunda xuntanza dentro dunha intensa axenda de contactos previstos ao longo de todo mes de maio que servirán para afondar no modelo de cogobernanza do sector co obxectivo de configurar as futuras actuacións en apoio da actividade marisqueira 

A base deses encontros serán as reunións con cada confraría para estudar con detalle as circunstancias e necesidades de cada unha para que sexan recollidas nas accións a desenvolver polo Goberno galego 

O titular de Mar destacou tamén a constitución de mesas de traballo con expertos dos centros de investigación autonómicos e os biólogos dos pósitos no que analizar a situación actual e aportar solucións técnicas aos problemas multifactoriais existentes

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde,  mantivo un novo encontro cos presidentes das federacións das confrarías, na súa condición de organizacións máis representativas do sector. Na reunión o titular de Mar  abordou o deseño de novas medidas de avance no marco do Plan de Competitividade e Sustentabilidade do Marisqueo en Galicia que supón a mobilización ata o 2025 de 123 millóns de euros. 

Esta xuntanza é a segunda dunha intensa axenda de contactos cos representantes do sector ao longo de todo o mes de maio que servirán para afondar na cogobernanza como modelo de xestión da pesca galega froito do diálogo fluído e directo entre o Goberno galego e o conxunto da cadea mar-industria. 

O conselleiro do Mar avanzou que se celebrarán xuntanzas específicas con cada unha das diferentes confrarías durante as vindeiras semanas para estudar con detalle as circunstancias e necesidades dos profesionais de cada unha delas. O obxectivo é configurar, en colaboración con estas entidades, medidas específicas adaptadas á realidade de cada lugar para así garantir unha maior eficacia das accións do Goberno galego en apoio do sector. 

Mesas de traballo

Ao mesmo tempo, Alfonso Villares destacou a constitución de mesas de traballo integradas por persoal científico dos centros de investigación mariña autonómicos e os biólogos das propias confrarías, que sufraga a Consellería na súa meirande parte. A finalidade é complementar o labor que están a desempeñar estes profesionais por separado e unificar toda a información dispoñible para analizala e desenvolver solucións técnicas que permitan enfrontar con garantías os problemas multifactoriais existentes na actualidade.

Axudas executadas

O titular de Mar puxo en valor as axudas postas en marcha nestes primeiros meses do ano pola Xunta en apoio da actividade marisqueira co desenvolvemento de axudas extraordinarias e directas por valor de 4 millóns de euros para paliar os costes básicos aos que fan fronte os profesionais. A estas achegas sumou os 7,3 millóns de euros en axudas aos armadores e tripulantes afectados pola paralización da actividade extractiva en bancos marisqueiros que foron tratadas no último Consello do Executivo autonómica e que serán publicadas proximamente no DOG. Nesta liña, subliñou que estas medidas se están a despregar da man do propio sector, atendendo sempre as súas demandas e necesidades.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 07/05/2024