Alfonso Villares destaca que a ampliación do Museo de Mar de Noia dá valor engadido á cultura e ao patrimonio mariños e á economía local

Noia (A Coruña ), 7 de maio de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou que a colaboración da Xunta de Galicia para ampliar o Museo do Mar de Noia dá valor engadido á cultura e ao patrimonio mariños e á economía local. Así o indicou na visita realizada a estas instalacións, na que estivo acompañado da Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e do alcalde da localidade, Santiago Freire, e que foron melloradas coa colaboración da administración autonómica, co fin de seguir impulsando e recuperar o patrimonio marítimo de Galicia, mellorar o seu coñecemento e avanzar na súa conservación.

Trátase, dixo, de “revalorizar a nosa historia, a nosa terra e a nosa xente, á que temos que seguir coidando porque este pasado ten que ser parte dun futuro”; de aí, engadiu, “o Plan de Cultura Marítimo de Galicia que é pioneiro en toda Europa e que pretende unificar todas as infraestruturas que temos ao longo do noso litoral”.  Alfonso Villares sinalou que o museo de Noia “é un bo exemplo da gran función que teñen os Galp” e adiantou que “xa estamos traballando nas próximas liñas de axuda”. “Galicia é mar e esas pegadas e instalacións coma esta hai que seguir poñéndoas en valor”, concluíu.

O proxecto de ampliación permitiu aumentar o espazo expositivo e de actividades, integrando no mesmo parte da muralla medieval. O custe total foi de 665.000 euros, dos que a Consellería subvencionou o 36,3%, a través dunha axuda pública aprobada de 200.000 euros dentro da Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o programa de estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro. Ao abeiro da mesma norma, creouse un espazo interpretativo multimedia e interactivo -Noia. A Voz do Mar- que amosa o mar como eixo de identidade urbana e cultural de Noia dende a súa fundación ata a actualidade, e que contribúe a singularizar a oferta turística deste municipio. Neste caso, o orzamento do proxecto foi de 209.058 euros, dos que a Consellería achegou o 87,8%, a través da axuda aprobada de 183.516 euros.

Este centro complementa a oferta turístico-cultural mariña xa existente na comarca e proximidades e que ofrecen os museos etnográficos mariñeiros, por unha banda, e o museo de Laudas Gremiais e Noia, pola outra. Está xestionado pola asociación do Museo do Mar de xeito voluntario dende hai 20 anos. Na súa programación colaboran veciños de todas as idades e parte das súas instalacións tamén están centradas na relación especial da vila co Camiño de Santiago.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 07/05/2024