O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa, participou na xornada técnica conmemorativa dos 25 anos da Unidade de Asesoramento Científico-Técnico Avalia-t

Gómez Caamaño destaca o esforzo da Xunta para incorporar coa maior axilidade e rigor científico as novas tecnoloxías sanitarias en beneficio dos pacientes

O titular de Sanidade pon en valor o labor da unidade encargada de avaliar as tecnoloxías sanitarias e o seu impacto organizativo, económico e social, esencial na toma de decisións

Destaca “a intensa produción” de Avalia-t, que permite “escoller e implementar as tecnoloxías que máis beneficios achegan á saúde das persoas e, á vez, contribúan á sustentabilidade do sistema”

Nestes 25 anos, Avalia-t realizou preto de 200 informes de avaliación e consultas técnicas, outros tantos informes de tecnoloxías emerxentes, guías de práctica clínica e documentos metodolóxicos, ademais de arredor de 100 artigos científicos

A Estratexia Galega de Saúde 2030 entende e recoñece expresamente o papel de Avalia-t como instrumento esencial de avaliación das tecnoloxías sanitarias

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o esforzo da Xunta para incorporar coa maior axilidade e rigor científico as novas tecnoloxías sanitarias en beneficio de acadar unha prestación eficiente e de maior calidade aos pacientes.

Así o subliñou na celebración do 25 aniversario da Unidade de Asesoramento Científico-Técnico Avalia-t, na que estivo acompañado polo xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, e a xefa desta unidade, María José Faraldo.

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria puxo en valor a actividade desta unidade, esencial para a toma de decisións, xa que é a encargada de avaliar as tecnoloxías sanitarias e o seu impacto organizativo, económico e social.

Gómez Caamaño sinalou que “a intensa produción” da unidade de asesoramento científico Avalia-t permite “escoller e implementar as tecnoloxías que máis beneficios acheguen á saúde das persoas e, á vez, contribúan á sustentabilidade do sistema”.

Tal e como detallou o conselleiro, a través do traballo desenvolvido por esta unidade ponse á disposición de todos os actores do sistema sanitario “información baseada na evidencia científica, consistente e fiable, para que a toma de decisións en todos os niveis sexa informada e garante da seguridade e eficiencia da tecnoloxía, contribuíndo, deste xeito, ao seu uso apropiado e á calidade na asistencia”.

Actividade da axencia

Desde o ano 1999, Galicia conta con esta unidade que é a responsable de avaliar a información científica dispoñible sobre a eficacia, a efectividade, a seguridade, e a eficiencia das tecnoloxías sanitarias, ademais de valorar o seu impacto sanitario, organizativo, económico e social.

Nestes 25 anos de existencia, Avalia-t realizou case douscentos informes de avaliación e consultas técnicas, outros tantos de tecnoloxías emerxentes ou de asesoramento, trece guías de práctica clínica, trece documentos metodolóxicos e preto de cen artigos científicos.

Todo este labor fíxose dentro da colaboración coa Comisión de tecnoloxías de Galicia e integrándose na rede de axencias de avaliación do Sistema Nacional de Saúde. Ademais, Avalia-t está a ter un importante protagonismo en proxectos de colaboración europea en materia de avaliación de tecnoloxías emerxentes.

Pasados estes 25 anos, Gómez Caamaño dixo que o compromiso da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde coa toma de decisións informada e baseada en evidencias científicas continúa e, ao respecto, “a Estratexia Galega de Saúde 2030 entende e recoñece expresamente o papel de Avalia-t como instrumento esencial de avaliación das tecnoloxías sanitarias”.

“O uso dos informes desta unidade contribúen a que os avances tecnolóxicos que cheguen aos pacientes sexan os que teñen máis valor, contribuíndo á equidade e á mellora da eficiencia e sostibilidade do noso sistema de saúde”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2024