O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou o centro acompañado do delegado territorial do Goberno galego en Ourense, Manuel Pardo

A Xunta financiará a reforma da residencia municipal para persoas maiores de Manzaneda cunha achega superior aos 300.000 euros

A actuación enmárcase no novo Plan de investimentos, a través do que se sufragarán unha vintena de proxectos municipais para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais

No centro de Manzaneda mellorarase a accesibilidade e eficiencia enerxética, así como a zona de enfermaría e as habitacións

Manzaneda (Ourense), 8 de maio de 2024

A Xunta de Galicia financiará o 100% do proxecto que ten o Concello de Manzaneda para reformar a súa residencia de maiores cun investimento de 305.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o delegado territorial do Executivo autonómico en Ourense, Manuel Pardo, visitaron hoxe as instalacións acompañados do alcalde do concello, Amable Fernández.

A reforma deste centro residencial forma parte da vintena de actuacións que sufragará o Goberno galego con cargo ao novo Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal. Este Plan, dotado de 18,5 millóns de euros e acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), inclúe residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais.

No caso da residencia de Manzaneda, melloraranse as condicións tanto de seguridade como de accesibilidade, así como a súa funcionalidade. Así mesmo, aumentarase a eficiencia enerxética do inmoble, coa renovación da instalación térmica e montaxe dun sistema eléctrico no mecanismo do ascensor. A intervención tamén inclúe a reforma da zona de enfermería e das habitacións do inmoble, con capacidade para atender a 40 usuarios.

Convenio e inicio dos traballos

Perfecto Rodríguez explicou que a previsión é asinar nas vindeiras semanas o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello, co obxectivo de que os traballos poidan comezar a finais deste mesmo ano.

Ademais, o xerente fixo fincapé que este Plan de investimentos permitirá reforzar a rede de centros para a atención ás persoas maiores que dependen dos concellos. Nesta liña, engadiu que a través deste programa, o Goberno galego dará un impulso histórico aos recursos para o coidado dos maiores que teñen os concellos galegos. Ademais, suporá a creación de 500 novas prazas públicas de residencias e outras 150 de atención diúrna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2024