Román Rodríguez inaugura as obras de ampliación do IES Ferro Couselo, cun investimento da Xunta de 2,7 M€

O conselleiro de Educación destaca a importancia desta actuación, que “satisface as demandas existentes debidas ao incremento de alumnos que está a vivir o centro”

O proxecto enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, para dar resposta ás necesidades actuais da comunidade educativa

Ourense, 9 de maio de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, inaugurou as obras de ampliación do Instituto IES Ferro Couselo. “Nesta actuación, na que investimos 2,7 M€, buscamos incrementar o número de aulas e de diversos espazos para satisfacer as demandas existentes”, dixo Román Rodríguez.

Enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros educativos dando resposta ás necesidades do século XXI, esta obra dotou ao centro dunha planta adicional de máis de 1.000 metros cadrados e outra de baixo cuberta de 270 metros cadrados destinada a almacenaxe e instalacións. Con esta ampliación, dispuxéronse cinco novas aulas e creouse un espazo multiusos, unha aula de desdobre, un almacén e dous corredores diferenciados para reforzar a seguridade en caso de incendios.

O titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP remarcou que con esta actuación tamén “se lle dá cumprimento á normativa antiincendios, pois a ampliación do edifico implica un aumento considerable da súa ocupación, polo que foi preciso executar dúas novas escaleiras de emerxencia exteriores”.

Entre os obxectivos atopábase a ampliación da zona de comedor e cafetería, o que posibilita satisfacer as demandas dos usuarios. Tamén se realizou a redistribución parcial da planta semisoto para albergar dous aseos adaptados, mellorando “as condicións do vestiario non docente”, engadiu Román Rodríguez.

Deste xeito, o Goberno galego dá “resposta ás necesidades actuais da comunidade educativa e, concretamente, ao incremento continuado de alumnos que está a vivir este instituto, sostido no tempo e que prevemos que se manteña para os próximos cursos”, destacou o conselleiro de Educación.

Outras obras

O IES Ferro Couselo tamén conta, desde o 2022, cunha pista cuberta, na que se destinaron case 500.000 euros. Así, o Goberno galego leva investido neste centro educativo 4 M€ desde o ano 2009.

Con esta actuación logrouse o obxectivo de ampliar a zona de uso exterior creando un espazo que se pode empregar en todo tipo de condicións meteorolóxicas, pois conta cunha superficie de case 800 metros cadrados e un acceso de 161 metros cadrados.

Data de actualización: 09/05/2024