O acto desenvolveuse esta mañá na Delegación Territorial e estiveron presentes o alcalde de Castrelo de Miño, a presidenta do Club Náutico de Castrelo e o asesor de Deportes da Deputación Provincial

O delegado territorial da Xunta en Ourense participa na presentación da XXI Copa Primavera e XV Regata Nacional de Remo Paralímpico de Remo

Manuel Pardo, explicou que o encoro de Castrelo de Miño será a sede desta regata nacional para as categorías alevín, infantil, cadete, veterana e de remo paralímpico

O delegado territorial destacou que hai máis de 250 tripulacións rexistradas de 34 clubs aos que hai que sumar as embarcacións dos veteranos e do remo paralímpico, co que se prevé a asistencia de máis de 500 deportistas

Ourense, 9 de maio de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, a presidenta do Club Náutico de Castrelo, Beatriz Alberte, e o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Quique Álvarez, presentou esta mañá na Delegación Territorial a XXXI Copa Primavera e XV Regata Nacional de Remo Paralímpico de Remo que se levará a cabo este vindeira fin de semana no Parque Náutico de Galicia.

 

O delegado territorial explicou que o encoro de Castrelo de Miño será a sede desta regata nacional para as categorías alevín, infantil, cadete, veterana e de remo paralímpico. Para os máis novos trátase da única regata nacional previa aos Campionatos de España polo que  hai máis de 250 tripulacións rexistradas de 34 clubs aos que hai que sumar as embarcacións dos veteranos e do remo paralímpico, co que se prevé a asistencia de máis de 500 deportistas.

 

As probas de categoría alevín disputaranse sobre unha distancia de 500 metros mentres que o resto de categorías farano sobre 1.000 metros da pista de remo de Castrelo de Miño que conta desde a celebración da Coupe da Jeunesse en 2022 cunha pista renovada e un moderno pantalán de saída que converten a Castrelo de Miño no escenario perfecto para o remo nacional, cunha contorna natural e unhas instalacións moi apreciadas polos clubs e federacións autonómicas.

 

As probas darán comezo o sábado pola mañá con róldalas eliminatorias e ao longo de toda a xornada iranse realizando os cuartos de final, repescas e semifinais que deixarán clasificadas ás mellores tripulacións para as finais do domingo. O domingo desde primeira hora terán lugar todas as finais e iranse realizando as entregas de medallas por categorías a medida que vaian finalizando.

 

Esta é a cuarta regata nacional da tempada que ten lugar en Castrelo de Miño baixo a organización da Federación Española de Remo, Federación Galega de Remo e Club Náutico Castrelo de Miño coa colaboración do Concello de Castrelo de Miño, da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/05/2024