O presidente da Xunta reuniuse coa alcaldesa do concello da Coruña

Alfonso Rueda e Inés Rey acadan un compromiso político para o futuro da fachada marítima da cidade da Coruña

Este novo marco colaborativo concretarase nunha nova reunión que terá lugar no mes de maio

Asegura que a colaboración será “estreita, leal e decidida”

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, no que ambos acadaron un acordo político para definir desde o consenso o futuro da fachada marítima da cidade herculina.

Foi unha reunión monográfica sobre o futuro do Porto e dos terreos portuarios, dos que Rueda sinalou o seu valor como fonte de sustento e parte da esencia da cidade. O presidente da Xunta asegurou que o acordo sobre a fachada marítima é “un proxecto ambicioso que require de bos plantexamentos, intelixentes e viables dende o punto de vista económico”.

Do consenso acadado hoxe nacerá o protocolo Coruña Marítima, que ofrecerá solucións para todos os solos portuarios e para a sustentabilidade financeira da Autoridade Portuaria da Coruña. O presidente asegurou que as solucións para o porto coruñés nacerán da “colaboración estreita, leal e decidida, deixando a un lado as ideoloxías”.

O protocolo nace do consenso entre Xunta e Concello e conta coa implicación de administracións como a Autoridade Portuaria da Coruña, Portos do Estado, ADIF e o Ministerio de Transportes. O obxectivo, tal e como sinalou Rueda, é acadar a transformación de Galicia e facelo entre todas as administracións de forma coordinada. Este novo marco colaborativo concretarase nunha nova reunión que terá lugar no mes de maio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024