O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, intervén no II Congreso de Residentes, Jóvenes Médicos de Familia, Tutores y Unidades Docentes da semFYC

A Xunta avoga por prestixiar o labor dos médicos de familia e mellorar as súas condicións de traballo para atraer a novos profesionais

Antonio Gómez Caamaño apunta a necesidade de adaptar os postos de traballo de medina de familia á idiosincrasia dos novos facultativos

Aposta por impulsar unha sanidade pública de calidade orientando a práctica aos resultados, medindo os resultados para tomar decisións axeitadas

Subliña a necesidade integrar de xeito racional e “con sentidiño” as novidades que ofrece o desenvolvemento tecnolóxico, especialmente a intelixencia artificial

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe a necesidade de “prestixiar” o labor dos médicos de familia e de mellorar as súas condicións de traballo co fin de atraer a novos profesionais a esta disciplina.

Así o remarcou hoxe no acto inaugural do II Congreso de Residentes, Jóvenes Médicos de Familia, Tutores y Unidades Docentes da semFYC que entre hoxe e mañá se celebra en Santiago de Compostela e que se abriu na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, coa participación da presidenta da Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria, Remedios Martin; a presidenta da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, María José Fernández; e do decano da Facultade de Medicina, Julián Álvarez.

Na súa intervención, Gómez Caamaño afondou na necesidade de adaptar os postos de traballo de medicina de familia e comunitaria á idiosincrasia dos novos facultativos, sabendo que necesitamos máis profesionais desta disciplina, a principal responsable de coidar a saúde da poboación.

Na última convocatoria de prazas de formación sanitaria especializada, das 638 ofertadas polo Sergas, un total de 207 eran para medicina familiar e comunitaria, unha cifra que contrasta moito coas 82 de familia ofertadas en 2006. Deste xeito, neste ano formaranse en medicina de familia en Galicia máis do dobre de residentes que hai uns anos.

Galicia incrementou a oferta e conseguiu aumentar a demanda, tamén entre os mellores expedientes, e iso débese, en parte, á mellora das condicións que se ofrece a quen se forme en Galicia, con retribucións máis altas e contratos de tres anos para os médicos de familia.

Ademais, o Diario Oficial de Galicia publicou esta mesma semana a relación de admitidos ao concurso oposición de médicos de familia de atención primaria, con máis de 600 aspirantes, pero a nosa comunidade necesita máis, e o deber da Xunta é seducir a novos facultativos en formación cara á medicina de familia e adaptar as condicións de traballo ao que demandan os novos profesionais.

O conselleiro destacou que a Consellería de Sanidade quere traballar para preservar e mellorar unha sanidade pública de calidade e, ao respecto, considera fundamental “orientarnos aos resultados, posto que se non medimos o que facemos e a súa eficacia, non poderemos tomar decisións axeitadas”.

Apuntou, ademais, a necesidade de garantir a continuidade asistencial de xeito real e ofrecer unha sanidade humana e próxima co paciente e cos que os coidan”. Tamén remarcou a importancia de integrar de xeito racional “e con sentidiño” todas as novidades que ofrece o desenvolvemento tecnolóxico, especialmente a intelixencia artificial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024