O conselleiro de Educación reúnese cos grupos de traballo integrados por 20 directores de centros e inspectores co fin de simplificar os procesos administrativos no ensino

A Xunta avanza da man do profesorado no proceso para reducir a carga burocrática no sistema educativo

Román Rodríguez fixa que as primeiras medidas estean operativas no inicio do vindeiro curso, dando cumprimento ao acordo asinado coas organización sindicais

A dixitalización de procesos administrativos ou a elaboración de guías que poidan orientar dun xeito áxil a xestión, entre as accións a desenvolver

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2024 O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe cos grupos de traballo para a simplificación administrativa no ensino. Son catro grupos, divididos por ensinanzas e etapas, compostos por unha vintena de directores de centros educativos e inspectores. “Eles son os que mellor coñecen que procesos cómpre simplificar e como facelo, co obxectivo de liberar de parte da carga burocrática ao conxunto de profesorado”, explicou.

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que a redución da burocracia é un dos puntos incluídos no Acordo de Mellora Estrutural do Sistema Educativo en Galicia asinado coas organizacións sindicais este curso. Deste xeito, aténdese unha das demandas actuais do profesorado, que poderá dedicar ese tempo a outras tarefas.

No seu encontro, o conselleiro fixou como unha prioridade poñer en marcha as primeiras medidas xa en setembro, coincidindo con inicio do vindeiro curso. Entre elas, prevense accións para a dixitalización dos procesos administrativos como –por exemplo– a solicitude de permisos por parte do profesorado para asistir a cursos de formación en entidades diferentes da Consellería, de maneira que todo o procedemento, desde a solicitude ata a resolución, poida facerse en liña.

Nesa mesma liña estaría a elaboración de guías e manuais que simplifiquen e axuden de xeito rápido e fiable a proporcionar solucións a determinados dúbidas que poidan xurdir na xestión diaria ou ante cuestións puntuais. Dous exemplos serían unha guía de actuación para os equipos directivos ou un manual que instrucións sobre o mantemento preventivo dos centros educativos.

 

Acción coordinada

Cada grupo está liderado por un inspector, correspondentes aos distintos tipos de centros: un para colexios de Educación Infantil e Primaria, outro para institutos de Educación Secundaria, un terceiro para centros integrados de FP e o último para os centros que imparten ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, escolas de arte e superiores de deseño...). Ademais do inspector, componse por catro persoas que ocupan a dirección dun centro da categoría correspondente.

O obxectivo destes grupos é elevar propostas de mellora co obxectivo de que se poidan implantar no inicio do curso 2024-25. A maiores, existe una comisión xeral de coordinación formada por representantes da Xunta autonómica de directores, tres representantes dos sindicatos que asinaron o acordo coa Xunta de Galicia e persoal das direccións xerais que teñen competencias neste campo.

Data de actualización: 10/05/2024