A Xunta licitará antes de que remate o curso a reforma do Colexio de Ortigueira, en Vedra

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita o centro, onde tamén se reformará o ximnasio e se ampliará o comedor

“Flexibilizamos espazos, dándolles máis amplitude, luz natural e versatilidade, de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”, destaca 

Vedra (A Coruña), 10 de maio de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou a próxima licitación da obra de reforma do Colexio CEIP de Ortigueira, en Vedra, que contará cun investimento de máis de 400.000€. “Trátase dunha actuación moi ambiciosa que vai permitir mellorar o ximnasio do centro, ao tempo que se crean novos espazos exteriores para o lecer e o deporte resgardados da choiva e do frío”, explicou o conselleiro.  

Segundo sinalou, a previsión é licitar a actuación no prazo aproximado dun mes. Unha vez se adxudique, ten un prazo de execución de seis meses. Así mesmo, lembrou que a Administración autonómica leva investidos máis de 1,1M€ na última década nos dous colexios do municipio, dos que cómpre destacar a do Centro Público Integrado (CPI) Plurilingüe de Vedra, que en 2020 foi obxecto dunha importante ampliación coa dotación dun novo aulario para Secundaria.

Nova cuberta exterior

A actuación no CEIP de Ortigueira consistirá na construción dunha nova cuberta exterior na fachada oeste do edificio de Primaria, creando unha terraza practicable desde o comedor que tamén conectará co patio orientado a sur. Este espazo dará a oportunidade de trasladar ou comedor ao exterior, entre outras actividades posibles.

A nova cubrición permitirá tamén crear un patio en continuidade co ximnasio, que estará iluminado con luz natural a través de lucernarios e contará con bancadas, xardineiras e unha pérgola vexetal. Ademais, mellorarase a accesibilidade mediante camiños de terra compactada.

No que atinxe ao ximnasio, dotarase de novos aseos, un deles adaptado, e almacén. Así mesmo, demolerase o peche actual, substituíndoo por carpinterías practicables e transparentes que melloren a entrada da luz natural e permitan abrir o espazo ao patio cuberto. A actuación suporá a reforma dunha superficie de 397m² e a construción doutros 220m² de espazo útil.

“En definitiva, imos flexibilizar espazos, dándolles máis amplitude, luz natural e versatilidade, de acordo cos principios fundamentais do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”, destacou Román Rodríguez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024