A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o concello de Friol avalían o proxecto para dotar de abastecemento de auga á parroquia de Seixón

Ángeles Vázquez e José Ángel Santos tamén analizaron o estado no que se encontra o proxecto de saneamento no núcleo de Roimil

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Friol, José Ángel Santos, avaliaron o proxecto para dotar de abastecemento de auga á parroquia de Seixón, durante unha reunión que mantiveron recentemente.

 

Durante o encontro, o rexedor trasladoulle á conselleira que o obxectivo é habilitar o servizo de abastecemento nos núcleos desta parroquia, máis concretamente, en Seixón de Abaixo e Seixón de Arriba, O Vilar, Sucampo, A Lagoa, O Covelo, Cela e A Abelaira, polo que a previsión é garantir o subministro para os algo máis de 250 habitantes destes lugares.

 

Ademais, esta actuación tamén permitirá dar servizo ás granxas e explotacións gandeiras situadas nesa contorna, cuxas actividades económicas pertencen maioritariamente ao sector primario.

 

A maiores, durante o encontro Ángeles Vázquez e José Ángel Santos analizaron o estado no que se encontra o proxecto de saneamento no núcleo de Roimil. Nese senso, analizaron a posibilidade de que o Goberno galego colabore no financiamento da acometida eléctrica, que é o paso que queda pendente para a posta en marcha da rede de colectores do núcleo e do sistema de depuración.

 

A Xunta continúa prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade aos seus veciños.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2024