Belén do Campo destaca a aposta de 20 particulares e dous concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte polo fermosismo ao recibir máis de 100.000€ para corrixir impactos paisaxísticos

A delegada territorial da Xunta, o director do Instituto de Estudos do Territorio de Galicia e o alcalde visitaron a reitoral de Ameixenda e a escola unitaria de A Piolla, no concello de Cabana de Bergantiños 

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 10 de maio de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET) de Galicia, Enrique de Salvador, e polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, visitaron hoxe a reitoral de Ameixenda e a escola unitaria da Piolla. Nela informaron da resolución na comarca de Bergantiños-Costa da Morte das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en vivendas, edificios públicos municipais e elementos etnográficos tanto as dirixidas a concellos como a particulares.

Neste concello a Xunta aprobou unha axuda de 32.000 euros que permitirá levar a cabo a renovación de acabados exteriores da escola unitaria da Piolla, o remate e acabado exterior da cuberta da reitoral de Ameixenda e acondicionamento da fonte da Mata.

Belén do Campo explicou que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte se concederon dúas axudas aos concellos de Cabana de Bergantiños e Cee por un importe total de case 50.000 euros e outras 20 axudas a particulares dos concellos de Cee, Coristanco, A Laracha, Muxía e Zas que ascenden conxuntamente a case 60.000 euros.

A delegada explicou que na convocatoria deste ano se aprobaron en Galicia 50 axudas a concellos -para 64 actuacións- e máis de 340 a particulares, ata esgotarse os 2 millóns de euros orzamentados, un millón para as entidades locais e outro millón para os particulares que cobren ata o 70% do orzamento subvencionable, para “seguir promovendo o fermosismo” e dando apoios para “corrixir edificios mal conservados ou que afean a paisaxe e as contornas”.

Este é o cuarto ano consecutivo que o Goberno galego aposta por este programa, impulsado en 2021 polo Instituto de Estudos do Territorio. Neste senso, a representante do Goberno autonómico destacou que a Xunta de Galicia concedeu nos últimos catro anos (2021-2024) un total de 2.374 axudas a concellos e a particulares por importe de preto de 9,6 millóns de euros para a corrección de impactos paisaxísticos que supoñen a mobilización dun investimento global de 14 millóns de euros.

Os propietarios particulares puideron acceder a incentivos de ata 3.000 euros para mellorar a imaxe exterior das súas vivendas e doutras construcións, como muros de peche, mentres que as entidades locais tiveron á súa disposición un máximo de 40.000 euros (20.000 euros por cada liña) para actuar en edificios e dependencias destinadas a servizos municipais —liña 1— ou sobre construcións, equipamentos públicos e bens do patrimonio etnográfico local —liña 2— que polo seu aspecto e deterioración poidan producir unha distorsión na contorna natural ou urbana onde se localizan.

As contías máximas previstas en ambas ordes de axudas permitiron cubrir ata o 70% do orzamento do investimento subvencionable de forma que, na práctica, se mobilizaron preto de 2,9 millóns de euros grazas á concesión destes incentivos, que buscan incidir na cultura do fermosismo impulsada pola Xunta a través da sensibilización cidadá e da colaboración con outras administracións públicas.

Cuarta convocatoria

En base á experiencia dos anos anteriores, nesta cuarta convocatoria das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos seguiuse apostando pola simplificación dos trámites e da documentación para presentar, á vez que se axiliza a súa resolución. No caso das entidades locais os concellos que resultaron beneficiarios tiveron a opción de solicitar a cobro dun anticipo de ata o 70% da axuda.

Esta medida facilitou o inicio e a execución das actuacións. Ademais, en 2024 os particulares puideron volver a xestionar as súas solicitudes a través de entidades xurídicas como asesorías, xestorías ou asociacións veciñais, unha medida que busca facilitar ao máximo a tramitación e o acceso aos fondos consignados.

En canto aos tipos de intervención subvencionables, no caso da liña dirixida á cidadanía foi posible actuar sobre fachadas, cubertas e muros de peche e, como novidade, financiouse por primeira vez a retirada de elementos adxacentes aos bens nos que se pretende intervir cando estes prexudican a súa imaxe ou causan algún impacto. “Por exemplo galiñeiros ou muros a medio derrubar”, explicou a delegada.

Mentres, as actuacións promovidas polos concellos son obras de índole menor que melloran o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos, ou ben incidir na renovación e acabado exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais.

A paisaxe é un elemento que contribúe a mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns xa que a contorna das persoas inflúe notablemente na súa actividade diaria; por iso resulta clave protexer a diversidade paisaxística de Galicia. Neste sentido, o obxectivo final destas subvencións é promover unha cultura de dignificación do territorio no que a participación da sociedade resulta clave, fomentando o coidado da riqueza paisaxística e avanzando na aposta da Xunta polo fermosismo.

Ao mesmo tempo tamén se desenvolve un dos obxectivos previstos no Plan estratéxico da paisaxe galega 2021-2024, que consiste en realizar accións concretas de protección, potenciación e mellora das paisaxes, así como formar, sensibilizar e educar na materia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024