A Xunta referenda o seu compromiso coa dinamización do comercio local coa súa participación na décima edición da Noite Branca en Lalín

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén,  participou hoxe na inauguración da iniciativa promovida pola Asociación de Empresari@s de Deza e o Centro Comercial Aberto de Lalín  

Lalín (Pontevedra), 10 de maio de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén,  participou hoxe na inauguración da Noite Branca, unha iniciativa promovida pola Asociación de Empresari@s de Deza e o Centro Comercial Aberto de Lalín para dinamizar a actividade comercial e hostaleira desta localidade, que conta co apoio da Xunta de Galicia. 

Segundo apuntou o director xeral, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración mantén un firme compromiso cos centros comerciais abertos, no marco da relevancia do comercio local na xeración de  emprego e na dinamización das economías locais como parte fundamental no crecemento económico e social de Galicia. 

Así, nesta lexislatura abordaranse aspectos como a innovación do sector retallista e a súa dixitalización. Apostarase pola fidelización da clientela e por axudar ao sector para ofrecer cada vez un produto máis diferenciado, un aspecto clave para garantir a súa viabilidade. 

A Administración autonómica está a deseñar, da man do sector, por outra banda, o futuro plan estratéxico para o comercio, coa implicación das principais entidades. Os galegos disporán tamén dun Mapa do Comercio de Galicia, no que xa se está traballando: un espazo que contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada co fin para potenciais clientes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024