A Xunta destaca o novo taller de xastrería de Fernando Freire como exemplo de emprendemento artesán e transmisión dun oficio tradicional

O director xeral de Comercio e Consumo, acompañado da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, destacou o papel da artesanía como xerador de emprego e dinamizador do comercio durante a inauguración deste obradoiro en Santiago

Fernando Freire é docente dun dos cursos de especialización do programa ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’ impulsado pola Xunta para mellorar a capacitación profesional dos artesáns galegos e garantir a remuda nos oficios tradicionais

Esta iniciativa vinculada á xastrería artesanal é pioneira en España e o obxectivo do Goberno galego é continuar nesta liña para seguir formando futuros xastres

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse esta tarde á inauguración do obradoiro de xastrería artesanal de Fernando Freire en Santiago de Compostela. Durante a súa visita, Alén quixo destacar o importante papel da artesanía na creación de emprego e na dinamización do comercio local das vilas e cidades e sinalou a Fernando Freire como exemplo de emprendemento no sector e de impulso da remuda xeracional no seu oficio a través da docencia. 

En concreto, o director xeral de Comercio e Consumo referiuse ao curso de iniciación á xastrería artesanal enmarcado no proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas impartido por este artesán dende novembro de 2023 e que ten previsto rematar no mes de xuño. Nesta actividade, de 168 horas de duración, participan titulares de obradoiros de Artesanía de Galicia, alumnos e profesores de moda.

Esta iniciativa vinculada á xastrería artesanal é pioneira en España e o obxectivo da Xunta de Galicia é continuar nesta liña de traballo e oficio para seguir formando futuros xastres. 

Aprender da tradición. Oficios e técnicas é un programa impulsado polo Goberno galego a través da Fundación Artesanía de Galicia para a renovación e a conservación de técnicas e de oficios tradicionais na artesanía galega, no que se teñen programado xa cursos especializados en ourivería, tecido tradicional, olería de Buño, patronaxe, tapicería e marroquinería. Ao longo do ano, irase completando con outras técnicas tradicionais vinculadas a diferentes oficios.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024