Xuventude ofrece preto de 800 prazas para este verán no albergue de Gandarío en Bergondo

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visita estas instalacións nas que se levan a cabo actividades dentro da campaña de verán da Xunta de Galicia

En total, este ano ofrécense máis de 11.500 prazas para a mocidade galega de entre 9 e 30 anos, das cales 3.651 son na provincia da Coruña

Bergondo  (A Coruña), 10 de maio de 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe o albergue xuvenil de Gandarío, no municipio coruñés de Bergondo, onde a Xunta de Galicia ofrece este verán preto de 800 prazas de campamentos de verán e actividades para persoas con discapacidade. Trátase dunhas instalacións nas que, ademais, tamén se facilita a participación de medio cento de mozos e mozas de familias emigrantes galegas. 

Na súa visita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que estas actividades forman parte da rede da campaña de verán deste ano da Xunta. Un programa que, tal e como destacou, oferta de máis de 11.500 prazas para a mocidade galega de entre 9 e 30 anos, das cales 3.651 son na provincia da Coruña. 

“Este 2024 rexistramos un récord histórico, ao ofrecer 300 máis que na anterior edición”, salientou a responsable desta área da consellería. Neste senso, Lara Meneses lembrou que a campaña deste ano conta con novas instalacións e actividades de lecer “que lle permitirán á xuventude vivir o seu mellor verán”, tal e como recolle o lema deste ano. 

Deste xeito, a Xunta ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral. Toda a información deste programa pode consultarse en xuventude.xunta.es/accion-de-veran.

Mocidade da emigración galega

Na súa visita, Meneses tamén explicou que, grazas á colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración, no albergue de Gandarío participarán 50 mozos e mozas de familias emigrantes galegas que participarán no campamento Actividades no mar, que se desenvolverá do 15 ao 29 de xullo. 

En total no albergue de Gandarío desenvolveranse  5 quendas de campamentos con idades comprendidas entre os 11 e os 17 anos e ademais, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), desenvolveranse outros tres para fomentar as vocacións tecnolóxicas: Creando o meu videoxogo, A vista de paxaro: primeiros pasos con drons, e Adestrando o meu robot, de 20 prazas cada un. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024