A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta avanza que nos vindeiros días trasladará ao Concello de Lalín o estudo de alternativas para a construción da nova EDAR da localidade

O proxecto en redacción vén complementar o tanque de tormentas de Pontiñas e os novos colectores, cuxas obras está previsto que conclúan a finais deste verán

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2024

A Xunta de Galicia trasladará nos vindeiros días ao Concello de Lalín o estudo de alternativas na nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da localidade, que inclúe unha proposta de localización para a nova instalación, tal e como lle avanzou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, ao alcalde, Xosé Crespo, na reunión que mantiveron hoxe.

Segundo lle comunicou a conselleira ao rexedor, logo da análise realizada a diversas alternativas de localización, Augas de Galicia xa seleccionou a opción definitiva e, se o Concello lle dá o visto bo, comezarán os estudios de xeotecnia e topografía así como os trámites ambientais para finalizar a redacción do proxecto da nova EDAR.

Este proxecto vén complementar o tanque de tormentas de Pontiñas -con 5.000 m3 de capacidade- e os novos colectores interceptores, cuxas obras está previsto que conclúan a finais deste verán, e que, permitirán aumentar a capacidade de almacenamento na rede ante episodios de choiva e evitar que se alivien ao río augas pluviais mesturadas con residuais.

A maiores, durante o encontro Vázquez Mejuto e Crespo avaliaron o estado do proxecto de captación de auga no río Deza para mellorar o sistema de abastecemento da localidade, cuxo proxecto construtivo está en fase de supervisión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024