Lugo acollerá o 19 de maio a concentración de motos clásicas con fins solidarios ‘Distinguished Gentleman's Ride’ co apoio da Xunta

Lugo, 10 de maio de 2024

Lugo participará o 19 de maio na Distinguished Gentleman's Ride, un evento de carácter internacional con fins solidarios que reunirá na cidade motocicletas clásicas, neoclásicas e de estilo vintage pilotadas por moteiros e moteiras ataviados cunha vestimenta elegante. As motos realizarán un percorrido polas rúas lucenses e farán unha parada na praza Maior.

 

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o organizador desta iniciativa en Lugo, Eusebio Pajuelo, reuníronse hoxe para tratar sobre os detalles da concentración, que conta co apoio da Administración autonómica. É o terceiro ano que Lugo se suma a esta acción e agárdase que participen entre 140 ou 150 motos como nas dúas edicións anteriores.

 

A finalidade é pasar unha xornada de convivencia e recadar fondos aportados polos participantes para a fundación Movember, co fin de impulsar a investigación sobre problemas de saúde como o cancro de próstata. Trinta cidades españolas e máis de 900 de todo o mundo participan na iniciativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2024