A liña de autobús da Xunta que conecta O Barbanza cos hospitais de Santiago incorpora desde este mércores unha parada no psiquiátrico de Conxo

Ofrécese así un servizo máis cómodo ao persoal sanitario e o resto de usuarios, que evitan o traxecto a pé entre o Hospital de Conxo e o Psiquiátrico

A duración total das viaxes non se ve incrementada, xa que a parada se localiza no itinerario actual da liña

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

A liña de autobús que conecta a comarca do Barbanza co Hospital Clínico de Santiago e co Hospital de Conxo disporá desde este mércores 15 de maio dunha parada no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

A incorporación da parada, que xa se realiza noutros servizos de autobús, ofrece un servizo máis cómodo á ida e á volta ao persoal sanitario e ao resto de persoas usuarias da liña que acoden ao Hospital Psiquiátrico de Conxo, ao evitar o traxecto a pé entre ese centro e o Hospital de Conxo, onde tiñan a parada.

A duración total das viaxes entre Ribeira e Santiago de Compostela non se verá incrementada, xa que a parada se localiza no itinerario que vén realizando a liña de autobús, entre as paradas do Hospital Clínico e do Hospital de Conxo.

Con esta mellora do servizo, a Xunta deu resposta ás peticións trasladadas polos usuarios da liña, que se puxo en marcha o pasado outubro para facilitar, principalmente, os desprazamentos ao traballo do persoal sanitario de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.

Esta liña conta con seis expedicións todos os días do ano, tres de ida e tres de volta, axustadas aos horarios de mañá, tarde e noite dos traballadores. Ao non variar a duración da viaxe, os servizos seguirán saíndo da estación de autobuses de Ribeira ás 06,20, ás 13,20 e ás 20,20 horas. Para o regreso, os autobuses saen da estación intermodal de Santiago ás 08,10, ás 15,10 e ás 22,10 horas.

A medida aprobada responde ao compromiso continuo da Xunta de Galicia por mellorar os servizos de transporte público interurbano adaptándoos, na medida do posible, ás necesidades de mobilidade das persoas usuarias.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 13/05/2024