Belén do Campo e os representantes da asociación local de Teletaxi abordan a situación do sector na Coruña

A delegada lembrou o apoio da Xunta ao sector a través dunha liña de axudas para incentivar a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida e de emisións cero ou categoría ECO

A Coruña, 13 de maio de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo, esta mañá, un encontro cos representantes da asociación local de Teletaxi, que preside Ricardo Villamisar. Na reunión a delegada recalcou que Goberno galego apoia, desde hai anos, aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a preto de 5.000 familias e que presta un servizo esencial, favorecendo e garantindo a mobilidade da xente.

No encontro a representante do Goberno galego lembrou o apoio ao sector a través de axudas para incentivar a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, e de emisións cero ou categoría ECO, que supoñen un investimento de 500.000 euros.

O obxectivo da Xunta é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais do taxi á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes.

A Xunta, desde 2016, leva concedidos incentivos ao sector do taxi por máis de 5,4 millóns de euros que facilitaron a compra dun total de 926 vehículos. En concreto, baixo estes incentivos adquiríronse 282 vehículos adaptados, 613 taxis de baixas emisións e 31 de emisións cero.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024