A Xunta realiza labores de conservación e mantemento no río Tinto, ao seu paso polo Concello de Teo

As tarefas céntranse nun treito de algo máis de 6 quilómetros e inclúen a roza puntual e selectiva de arbustos e a retirada de árbores e biomasa na canle para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento no río Tinto, ao seu paso polo concello de Teo.

Os traballos desenvolveranse en 3,6 quilómetros do río Tinto, ao seu paso pola parroquia de San Xoán de Calo, e en 2,7 quilómetros dos regos Tarrío –que tamén transcorre pola parroquia de Bugallido, en Ames-, Texese e doutro innominado.

As tarefas consisten na retirada de árbores e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, así como en labores de roza selectiva de arbustos, co fin de reducir a súa competencia coas especies arbóreas propias do bosque de ribeira.

As actuacións, que xa foron comunicadas aos concellos de Teo e Ames, prolongaranse durante aproximadamente un mes e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoras co apoio de tractores e un camión.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo de conca autonómico, este tramo do río Tinto quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Cómpre subliñar que Augas de Galicia desenvolve este tipo de accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento dunha zona catalogada como de alto risco potencial significativo de inundación.

O obxectivo é avanzar e mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Data de actualización: 13/05/2024