A Xunta solicita ao Estado o traspaso das funcións e servizos necesarios para poder asumir a xestión completa do seu litoral

Rueda anuncia que o Consello autoriza reclamar ao Executivo central que inicie o procedemento a través da Comisión Mixta de Transferencias entre ambas administracións

Salienta que a Xunta agarda que o proceso sexa “rápido” para poder facer efectiva a aplicación práctica da normativa autonómica “canto antes”

O obxectivo é lograr canto antes a transferencia mediante Real Decreto de todos os medios materiais e persoais que necesita para poder outorgar, prorrogar, modificar ou extinguir concesións para o uso e a ocupación do dominio público marítimo-terrestre, acadando o autogoberno pleno sobre a costa

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello acordou hoxe “iniciar os trámites” para solicitar formalmente ao Estado “o traspaso dos medios materiais e persoais” a Galicia para poder “exercer as competencias” en materia de ordenación do litoral que ten atribuídas polo seu Estatuto e que foron “ratificadas polo Tribunal Constitucional”.

O obxectivo é superar a actual situación na que o Goberno central segue exercitando un papel que non lle corresponde nesta materia. Para iso, tal e como explicou Rueda, a Xunta vai solicitar ao Executivo central “que inicie este procedemento a través da Comisión Mixta de Transferencias”, órgano paritario “integrado por representantes de ambas administracións” e que será o que adopte o acordo de traspaso, que deberá ser aprobado mediante Real Decreto.

Cómpre lembrar que o pleno do Tribunal Constitucional (TC) avalou por unanimidade a validez e o contido da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia nunha sentencia aprobada o pasado 23 de abril que recoñece tamén as competencias exclusivas da Comunidade con relación á materia que se regula nesta norma.

Apenas tres semanas despois e co fin de poder empezar a aplicar na práctica a lei, o Goberno autonómico deu hoxe un paso clave ao acordar solicitar a transferencia das funcións e servizos da Administración Xeral do Estado en materia de ordenación e xestión do litoral. “Agardamos que o traspaso sexa rápido para poder facer efectiva a normativa canto antes”, indicou o presidente.

A sentencia do TC avala que Galicia non se extralimitou nas súas competencias nin invadiu as estatais no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). Neste sentido, considera que a Comunidade, que xa dispón estatutariamente da competencia exclusiva para a ordenación do territorio e do litoral, poderá asumir tamén a xestión dos títulos para o uso e a ocupación desta franxa costeira sen modificar o seu Estatuto, xa que se trata dunha das facultades de carácter executivo que forma parte desa competencia.

Isto inclúe, particularmente, a función para o outorgamento —e, conseguintemente, tamén a prórroga, modificación e extinción— das autorizacións e concesións previstas na normativa de costas na parte do litoral sobre a que Galicia ten competencias.

De feito, a Lei do litoral galega prevé e regula o outorgamento de concesións no dominio público marítimo-terrestre, fixando a tal fin un procedemento integrado para a concesión destes títulos e tamén a creación dun rexistro de autorizacións e concesións. 

O recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central, sen embargo, impediu a aplicación deste e doutros preceptos clave da norma galega, que quedou bloqueada na práctica durante máis de seis meses.

A recente resolución do TC, polo tanto, supón un recoñecemento expreso da competencia autonómica sobre a xestión dos devanditos títulos e fai necesario proceder canto antes ao correspondente traspaso a Galicia dos medios e servizos da Administración estatal para que poida exercer todas as facultades e funcións executivas relacionadas coa ordenación do litoral e completar así o proceso de transferencia das competencias sobre a costa iniciado fai xa máis de 40 anos.

Pioneira en regular a costa en toda a súa extensión

Coa aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, en xullo de 2023, Galicia converteuse na primeira comunidade española en regular por lei a franxa costeira en toda a súa extensión, é dicir, tanto mar dentro como terra dentro.

Partindo da consideración da costa desde unha tripla perspectiva (social, ambiental e económica), a norma establece unha nova zonificación desta franxa, con tres grandes áreas diferenciadas en función do seu estado de conservación e das necesidades particulares, ao tempo que concreta os usos permitidos e prohibidos no litoral.

A normativa tamén delimita as actuacións e usos estratéxicos que permitirán o seu asentamento e a ocupación da costa e con ela dáse un paso adiante decisivo para que Galicia poida asumir, ao fin, o autogoberno pleno sobre os seus máis de 2.500 quilómetros de costa, nos que traballan arredor de 40.000 persoas da cadea mar-industria e que xera 9.000 millóns de euros anuais, preto do 5% do PIB de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024