A Xunta inicia as obras da nova senda na estrada AC-424 no Couto, no concello de Ponteceso, que suporán un investimento de 357.000 €

O obxectivo desta intervención, cun prazo de 3 meses, é construír algo máis de 600 metros de itinerario, dos que case 400 discorrerán pola marxe dereita, e case 240 pola marxe esquerda, dando continuidade á senda actual

A execución do itinerario fará necesario reducir de 7 a 6 metros a estrada na travesía do Couto, por estar ambas as marxes da vía moi edificadas

Para incrementar a seguridade dos peóns limitarase a 40 km/hora a velocidade na travesía e reforzarase a sinalización

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

A Xunta inicia as obras da nova senda na estrada AC-424 no Couto, no concello de Ponteceso, que conta cun orzamento de 357.000 euros.

 

As actuacións correspóndense coa execución deste itinerario que se desenvolverá por ambos os lados da estrada que vai de Ponteceso a Corme e que permitirá dotar un itinerario peonil seguro e continuo ata a zona do Couto.

 

O obxectivo é habilitar unha nova senda de algo máis de 600 metros de lonxitude: concretamente, pola marxe dereita executaranse arredor de 400 metros, desde o quilómetro 1+100 ata o 1+506. Neste caso, tras a información pública, decidiuse ampliar o itinerario ata o acceso á última vivenda situada na glorieta de Balarés. Pola marxe esquerda, a senda acadará os preto de 240 metros, desde o quilómetro 1+140 ao 1+378, dando continuidade ao itinerario actual.

 

En concreto, os itinerarios da nova senda irán paralelos ao eixe da estrada, cun ancho variable de arredor de 1,50 metros, agás en zonas puntuais na parte máis urbana onde, debido ás edificacións, o ancho se reducirá aos 1,2 metros.

 

Na intervención será preciso estreitar un pouco a estrada na travesía do Couto, reducíndoa de 7 a 6 metros, dado o escaso espazo dispoñible para a construción da senda, ao tratarse dunha zona moi edificada.  

 

Ademais realizaranse outras actuacións complementarias: de drenaxe, executando un colector baixo a senda peonil para recoller a auga da estrada, das beiravías e da propia senda; e tamén a construción de 4 muros de perpiaño de 1 metro de alto como máximo alí onde son precisos.  

 

A actuación completarase coa disposición da mellora do firme na zona de aparcadoiro e coa renovación da capa de rodaxe da estrada.

 

Tamén, e coa vista posta en reforzar a seguridade dos peóns, que son os usuarios máis vulnerables da estrada, ao finalizar os traballos, a velocidade de circulación nesa travesía limitarase aos 40 km/hora, reforzando ademais a sinalización no treito.

 

Estas actuacións, que conta cun prazo de execución de 3 meses, prevese rematar a mediados de 2024.

A actuación responde á solicitude realizada pola asociación veciñal e cultural Monte Branco, nun ámbito no que a senda afecta a un hórreo de máis de cen anos, polo que foi necesario adaptar a intervención prevista, eliminando a franxa de aparcadoiro para non obstaculizar a visión do hórreo e preservar este elemento patrimonial.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024