O delegado territorial en Pontevedra e Jorge Cubela reúnense para potenciar as vías de colaboración contra os incendios de cara ao verán

Reguera lembrou a importancia de traballar de forma coordinada na prevención e na extinción dos incendios

O alcalde de Cerdedo-Cotobade destacou a necesidade de minimizar os riscos

Pontevedra, 13 de maio de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, mantivo unha reunión co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, na que tamén estivo presente o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo.

Trátase dunha reunión solicitada por Cubela de cara ao inicio da tempada de verán e ao previsible aumento no risco de incendios en toda a comarca. Neste sentido, o alcalde de Cerdedo-Cotobade solicitou información e colaboración por parte da Xunta de Galicia para “minimizar os riscos e estar preparados para a lacra dos incendios forestais que nos ameaza cada ano”.

O delegado territorial asegurou que a protección e prevención dos espazos naturais é unha prioridade para o goberno autonómico e destacou a importancia de “seguir traballando de forma coordinada con concellos, non só na localización e extinción dos focos, senón tamén na prevención”.

Xustamente a prevención foi un dos temas principais do encontro, no que tanto o alcalde como o delegado territorial coincidiron na necesidade de manter as pistas forestais limpas e desbrozadas.

“Seguiremos traballando da man dos concellos, dos equipos de emerxencias e dos técnicos e poremos todo da nosa parte para que todos os galegos e galegas poidan gozar dun verán tranquilo”, concluíu Reguera.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2024