A Pobra do Brollón acolle este venres o Campionato Galego Contra o Reloxo de Ciclismo, que conta co apoio da Xunta

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da proba

Lugo, 14 de maio de 2024

A Xunta apoia o Campionato de Galicia de Contra o Reloxo Individual de Ciclismo, que se celebrará na Pobra do Brollón o próximo venres, día 17 de maio. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na  presentación xunto co director da proba e seleccionador autonómico, Jacobo Ucha, entre outros.

Arias gabou o traballo da Federación Galega de Ciclismo na organización da proba, e subliñou a colaboración do Goberno galego coa entidade a través do convenio anual que promove a Secretaría Xeral para o Deporte. Deste xeito, apuntou, achégase  financiamento para este tipo de eventos “que premian o esforzo dos deportistas e crean afección entre as novas xeracións”.

Hai xa preto de 200 ciclistas inscritos na carreira, que decidirá os campións galegos nas distintas categorías por grupos de idade. Consta dun circuíto de 23, 5 quilómetros para as categorías juniors, sub23, élite e máster feminino, e unha alternativa de 11,7 quilómetros para infantís, cadetes e paraciclismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2024