A Xunta pon en valor en Valencia as políticas públicas para impulsar o uso da madeira como material na construción

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou cunha conferencia na 40ª edición de Fimma+Maderalia

Na súa intervención, explicou as convocatorias de axudas coas que conta Galicia para potenciar o uso da madeira na construción e en particular sobre a última convocatoria publicada cun orzamento de 5 millóns de euros

A maiores, falou da iniciativa da Administración autonómica para promover o emprego da madeira na súa estrutura en ata un 20% das edificacións promovidas polo organismo público

Valencia, 15 de maio de 2024

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe cunha conferencia sobre a promoción pública e as políticas de contratación como ferramentas de impulso da construción en madeira, enmarcada dentro da 40ª edición de Fimma+Maderalia na Feria de Valencia.

Nesta intervención, que formou parte do programa Maderaula liderado pola Fundación Cesefor, o director da Axencia Galega da Industria Forestal puxo en valor que no sector da construción cada vez medra máis o interese por outros materiais estruturais, como é a madeira, para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro dentro dunha estratexia de mitigación do cambio climático. Por iso, a Xunta aposta decididamente por seguir potenciando o uso da madeira neste eido.

Seguindo esta liña, explicou como recentemente o Goberno galego publicou unha convocatoria dotada de 5 millóns de euros para fomentar o uso da madeira na construción de vivendas unifamiliares e, como novidade, en edificacións en altura -para uso residencial e dun mínimo de tres plantas-, entre outros. Pechada a convocatoria recibíronse solicitudes por máis de 15 millóns de euros, o que subliña a demanda expoñencial pola madeira en construción dende a promoción privada.

Mercado de carbono

A maiores, tamén falou do decreto que iniciou a súa tramitación a finais do 2023 e que regulará o futuro Sistema de créditos de carbono da Xunta para iniciar a súa tramitación. Esta norma permitirá a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono propio de Galicia, dirixido a organizacións públicas e privadas, mesmo á cidadanía, que se queren responsabilizar da súa acción climática, compensando a súa pegada de carbono mediante a participación en proxectos que contribúen á eliminación ou secuestro de carbono. 

Neste sentido, Jacobo Aboal resaltou que unha das metodoloxías en desenvolvemento deste mercado de créditos de carbono poderase aliñar co fomento da madeira no eido da construción, sector no que cada vez medra máis o interese por outros materiais estruturais, como é a madeira, para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro dentro dunha estratexia de mitigación do cambio climático.

Neste sentido, as construcións en madeira exercen un efecto especialmente beneficioso, debido ao prolongado almacenamento de carbono nos produtos ao longo do seu ciclo de vida. Ademais, estímase que o uso dun metro cúbico de madeira en substitución doutros materiais de construción reduce as emisións de CO2 á atmosfera unha media de 1,1 a 3,9 toneladas de CO2.

Seguindo nesta liña, centrada na redución destas emisións, ata un 20% das edificacións promovidas polo Goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá de xeito gradual a partir deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2024