A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá o CEIP San Isidro de Neda

Martina Aneiros lembra ás familias que desde hoxe poden solicitar as axudas para adquirir libros de texto e material escolar

Os interesados dispoñen ata o próximo 21 de xuño para cursar as solicitudes para as axudas de libros, bono de material e Fondo solidario

Lembra que estas medidas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP chegan ao 70% do alumnado en función da súa renda

Neda (A Coruña), 21 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o CEIP San Isidro de Neda acompañada da súa directora Natalia Dopazo, onde coñeceu de primeira man algúns dos proxectos nos que está a traballar o seu alumnado deste centro que o próximo sábado conmemora o seu 50 aniversario.

Durante a visita ás instalacións onde actualmente cursan estudos 105 alumnos, Aneiros lembrou ás familias que dende hoxe e ata o próximo 21 de xuño está aberto o prazo para solicitar as axudas para libros de texto e material escolar, así como para participar no Fondo solidario para o vindeiro curso.

“Trátase de medidas coas que a Xunta consolida as melloras introducidas nos últimos anos e que chegan ao 70% do alumnado en función da súa renda, axudando así a quen máis o precisa”, indicou Aneiros.

Así, o vale para a adquisición de material escolar vai dirixido ás familias con rendas per cápita iguais ou inferiores aos 10.000 euros, con dous tramos de renda. Para rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000 euros mantense un vale de 75 euros -cobrarano tamén o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, independentemente da súa renda-. Para rendas superiores aos 6.000 e ata os 10.000 euros o vale será de 60 euros por alumno.

Doutra banda, a delegada territorial lembrou que as axudas para a adquisición de libros están dirixidas a alumnado de cursos nos que estes non son reutilizables, é dicir 1º e 2º de Primaria, Educación Especial e para aqueles con necesidades específicas de apoio educativo que non poidan empregar os libros do Fondo solidario. No caso de Primaria, a axuda do primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000€) é de 240€ e a do segundo (renda superior a 6.000€ e igual ou inferior a 10.000€) de 160€. O alumnado matriculado en Educación Especial (en centros específicos ou en unidades de Educación Especial de centros ordinarios) ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% continuará recibindo 300€.

No caso do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que non poida usar os libros do Fondo, hai axudas para todos os cursos de Primaria e ESO. Na etapa de Primaria, as contías oscilan entre os 240 euros por fillo para as familias do primeiro tramo de renda e os 160 euros do segundo. Na etapa de ESO, os importes sitúanse en 270€ no primeiro e 180€ no segundo. Para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o importe da axuda será a maior que lle corresponda con independencia da renda per cápita da unidade familiar.

Por último, Aneiros destacou os máis de 400.000 libros cos que conta este curso o Fondo solidario que serán repartidos en réxime de préstamo entre o alumnado de 3º de Primaria a 4º da ESO por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. Así os estudantes con rendas iguais ou inferiores a 6.000 euros ou os que estean en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% terán acceso a seis libros; mentres que as familias con rendas entre os 6.000 e os 10.000 euros terán acceso a catro. É requisito devolver os libros do curso anterior tanto para acceder ao Fondo Solidario como para recibir as axudas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2024